Tomiño clausura, con gran apoio do público, os ciclos “Fortaleza Cultural” e “Cine na Rúa”

Actuación de Tanxarina
Remata o mes de agosto e con el a programación cultural de verán organizada polo Concello de Tomiño.
Mañá, venres 30 de agosto, remata o ciclo Cine na Rúa, celebrado durante as catro semanas do mes de agosto nas céntricas prazas da Mina e do Seixo, con moi boa aceptación por parte do público (unha media superior ás 200 persoas por función).
A derradeira proxección será na Praza do Seixo, mañá, ás 22.00 horas, co filme de animación “Piratas”; unha divertida aventura cunha tripulación moi especial, e dedicada a público infantil.
Cristina Martínez, concelleira de Cultura, precisou que a resposta veciñal superou as expectativas do seu equipo, conseguindo ofrecer unha alternativa de ocio á veciñanza e ao mesmo tempo, fomentar a dinamización do comercio local.
Asemade, o ciclo “Fortaleza Cultural” chega ao seu fin, co concerto de “Rockin’ Gina and the Sentinels” (grupo con algúns músicos tomiñeses), este sábado, 31 de agosto, ás 21.30 horas, no Espazo Fortaleza. Tamén este ciclo foi un éxito, obtendo o apoio decidido do público, que se achegou a cada un dos actos e actividades organizados durante o verán en Goián.











