Todo por decidir na última xornada do Trofeo Hotel Carlos I Silgar
O ceo despexado e as altas temperaturas en Sanxenxo (Pontevedra) fixeron hoxe sábado as delicias dos turistas pero o vento fíxose de pregar no Trofeo Hotel Carlos I Silgar que se está a disputar en augas da ría de Pontevedra. Tardou en aparecer Eolo, pero finalmente fíxoo e xusto a tempo para dar saída a unha proba costeira que completaron as catro divisións que compiten no que é tamén Campionato Galego Absoluto de Cruceiros.
Esperando o vento
Primeiro houbo que esperar en terra, logo o Comité de Regatas viu unha oportunidade e pasada a unha e media da tarde soaba o bucinazo que indicaba que os barcos tiñan que saír á auga. Non obstante Eolo non chegaba a soprar coa suficiente forza e, mentres o Comité había todo o posible por encontrar unha zona con condicións para montar o campo de regatas, enviaba de novo á frota terra. Nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo as tripulacións esperaban a quen non pode faltar nunha regata: o vento.
Unha costeira de 12 millas
Á terceira foi a vencida e tras a chamada do Comité ás 17:30 horas a trintena de barcos que participan na 14ª edición do Trofeo Hotel Carlos I Silgar comezaban unha regata costeira cuxo percorrido os levaría ata de preto da illa de Ons -a Picamillo e Camouco-, de aí ata Mourisca -en Beluso- e finalmente ata as inmediacións da praia de Silgar, en Sanxenxo, onde está situada a liña de chegada.
En total unhas 12 millas (uns 22 km) de regata costeira cun percorrido amplo en augas da ría de Pontevedra e que comezou cun vento duns oito nós do Oeste, intensidade e dirección moi cambiantes durante toda a tarde. Sen dúbida, unhas condicións moi difíciles para a navegación e para as tripulacións, e un factor determinante polo que a maior parte da frota non puido rematar a proba pasadas as 20:00 horas.
Á hora de escribir esta información só o barco vilargarciano “Cenor & Electrolux “, líder en ORC1 e segundo na xeral do campionato galego absoluto de cruceiros ata o momento, e o “E.T.E.A. “, patroneado por Fernando Cominges e da Escola Naval Militar de Marín, lograran cruzar a liña de chegada.
Mañá, último día e entrega de premios
Mañá domingo será o terceiro e último día de regatas do 14º Trofeo Hotel Carlos I Silgar. Está previsto que todas as clases inicien a xornada na auga ás 12:00 horas para completar un dos trece percorridos costeiros que recollen as instrucións de regata.
Finalizado este coñeceranse os nomes dos vencedores da 14ª edición do xa consolidado Trofeo Hotel Carlos I Silgar, así como o nome do Campión Galego Absoluto de Cruceiros 2013. Todos eles recibirán os seus trofeos nunha entrega de premios que comezará en torno ás 19:00 horas nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo.











