Teo abre o prazo de inscrición para as escolas deportivas municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalTeo
A-
A+

A Concellaría de Deportes do Concello de Teo oferta unha nova tempada as Escolas Deportivas municipais. Como xa ven sendo habitual nestes anos a oferta diferenciase entre as Actividades Deportivas para Adultos e as Escolas Deportivas para Nenos, mentres que os lugares nas que se impartirán estas serán os pavillóns municipais e algunhas das casas comúns das que o concello dispón repartidas pola xeografía teense.

Esta oferta terá para este curso 2013-2014 a novidade da inclusión de Multideporte para nenos. Nela os nenos e nenas participantes practicarán as modalidades de béisbol, bádminton, tenis de mesa e balonmán e será impartida nos tres pavillóns municipais: Os Tilos, Calo e A Ramallosa.

A esta nova modalidade hai que sumar as que xa se viñan ofertando durante os últimos anos con tan bo grao de acollida e participación, as cales nalgúns casos incrementan grupos. Tal é o caso de Atletismo, que tras iniciarse no pavillón dos Tilos durante o ano anterior, e por demanda expresa de grupos interesados, este ano ofértase tamén nos pavillóns de Calo e dos Tilos.

Xunto coas escolas xa citadas de multideporte e atletismo, as Escolas Deportivas propoñen outras actividades para nenos e nenas cunha variada oferta: patín, taekwondo, tenis, minitenis, tiro con arco, baloncesto e minideporte.

As Actividade Deportivas de Adultos están compostas por actividades de educación física para persoas maiores (Cóidate e Ximnasia) e pola actividade de Tenis, todas elas cun altísimo nivel de participación na pasada edición

As actividades comezaron a primeiros do mes de outubro e prolongaranse ata o mes de xuño, momento no que, como todos os anos, se dará clausura a estas escolas con distintas xornadas de exhibicións e exposicións dos traballos realizados durante o curso.

O prazo de preinscrición está establecido entre o 2 e o 17 de setembro e realizarase por orde de entrada no Rexistro de Entrada no Concello. Polo tanto, a partir do 19 de setembro as persoas preinscritas poderán consultar a súa admisión, ben na web municipal, ben no propio Departamento de Deportes municipal, antes de confirmar a matrícula mediante o pagamento da primeira taxa.

30 de agosto de 2013 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.