Suspéndese o Mercado Pirata ao non reunir o número óptimo de feirantes
O Mercado Pirata cáese do programa das festas patronais debido a que a asociación de artesáns que xestiona o evento no logrou reunir o número óptimo de feirantes para vir a Vilagarcía na segunda semana de San Roque.
As causas foron varias. Por un lado, a coincidencia de festas noutras cidades de España na que tamén se requiriu a presenza deste tipo de feiras á asociación de artesáns que fai que a oferta se dilúa, xa que son os feirantes os que deciden á que praza acoden en función das súas expectativas. De negocio.
En segundo lugar, ás disensións entre os asociados respecto aos diferentes emprazamentos ofertados dende o Concello. Dado que o mercado ía a coincidir coa celebración da Noite das Meigas o sábado e con outros actos festivos ao longo destes días no centro da cidade, e ante a petición dos hostaleiros de que non se celebrase na semana forte das festas nin se concentrase na zona de viños e tapeo, o Concello propuxo celebrar o mercado en tres lugares: A Xunqueira e o contorno da Praza de Abastos; a Praia da Concha e parte do Paseo Marítimo; o Parque do Centenario e a franxa do Paseo Marítimo comprendido entre este e a explanada TIR. Estes dous últimos lugares propuxéronse en función da temática do Mercado Pirata, relacionado co mar.
Así a todo, o número de artesáns apuntados para vir a Vilagarcía no era significativo, polo que ante a mala imaxe que produciría organizar un mercado con número moi reducido de postos, optouse por suspender o evento deste ano.
Non obstante, as festas continúan en Vilagarcía durante toda a semana, con concertos, cine na rúa, varias sesións da Duendeneta e á Noite das Meigas, continuando o vindeiro fin de semana coa Feira das Tapas.











