Supéranse as 200 solicitudes para optar ás 13 novas vivendas municipais de aluguer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que recibiu un total de 210 solicitudes para acceder ás 13 vivendas municipais que o Goberno local puxo, en réxime de aluguer, a disposición das familias con menos recursos económicos. Trátase dunha convocatoria pública, coa que se tratou de dotar de transparencia ao proceso e de igualdade de oportunidades ás persoas interesadas

Unha vez que se completou toda a documentación dos solicitantes, puntuaranse as solicitudes segundo os criterios e requisitos da convocatoria e confeccionarase unha lista provisional na que constarán tanto os admitidos coa súa puntuación coma os excluídos coa causa. Todos eles terán o seu correspondente prazo de alegacións.

Os pisos municipais encóntranse no Grupo Virxe do Carmen, en Labañou. A gran novidade desta convocatoria foi que poderán acceder a estes pisos persoas que se encontran inmersas en procedementos de desafiuzamento. O departamento de Medio, Territorio e Infraestruturas pretende con este proxecto optimizar os recursos municipais e, ao mesmo tempo, poñelos a disposición das persoas que máis o necesitan. Así, as rendas polo aluguer axustaranse á situación das familias. Ademais, ratifica o compromiso adquirido polo alcalde, Carlos Negreira, de que os coruñeses con menos posibilidades económicas teñan a oportunidade de acceder ás vivendas de titularidade municipal que o actual equipo de goberno encontrou baleiras tras realizar un inventario exhaustivo por toda a cidade.

O prezo do arrendamento situarase entre os 100 e os 180 euros ao mes. Será o 3% da valoración da vivenda, máis o incremento correspondente ao IPC anual; se ben a porcentaxe pode baixar ata o 1,2% para as persoas con menos recursos. Á hora de adxudicar os pisos teranse en conta o número de persoas da familia e a superficie das vivendas.

26 de agosto de 2013 | 21:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.