Sométese a información pública o proxecto de obra da EDAR de Tállara no concello de Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLousame
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, publicou o pasado luns 12 de agosto no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de execución do saneamento e depuración de Tállara, no concello de Lousame.

A actual estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Tállara foi executada a principios dos anos 90. Cunha capacidade para 600 habitantes, verte as augas depuradas ao río Tállara. Na actualidade este vertido ten un impacto significativo na calidade da auga do río, xa que as instalacións da planta hidráulica encóntranse obsoletas e non chegan a cubrir as necesidades actuais.

Por este motivo o proxecto, que se encontra en período de información pública, define as obras necesarias para proceder á demolición da antiga EDAR, e construír unha nova depuradora con capacidade para 800 habitantes.

Desenvolvemento dos traballos

As obras suporán un investimento de 623.609 euros, que o Executivo autonómico achegará a través de Augas de Galicia, e consistirán na mellora e ampliación do colector xeral, a clausura da planta actual e a construción dunha nova planta depuradora

Os traballos de saneamento comezarán no colector interceptor que levará as residuais de Tállara ata a nova depuradora. Desenvolverase 140 metros de tubaxe en PVC por un camiño sen pavimentar ao longo da marxe dereita do río Tállara. Esa vía servirá así mesmo de acceso á nova depuradora, polo que se dotará de firme de zahorra e xabre. A continuación, proxéctase a demolición e retirada de elementos en superficie da actual EDAR e o seu selado con formigón.

Por último, procederase á construción da nova EDAR con capacidade para 800 habitantes. A liña de auga constará de desbaste groso, desbaste fino, tratamento primario mediante dous decantadores dixestores, tratamento biolóxico de leito bacteriano e dixestor anaeróbico. O caudal máximo que poderá tratar a EDAR será de 5,37 l/s.

15 de agosto de 2013 | 21:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.