Servizos Sociais de Vilagarcía expón a lista provisional de admitidos no Conciliatardes para o próximo curso
A Xunta de Goberno Local aprobou a lista provisional de nenos e nenas admitidos no programa Conciliatardes-Tardes coa Infancia para o curso 2013/14. As familias interesadas dispoñen dun prazo de 10 días para corrixir e presentar a documentación requirida así como para presentar as reclamacións que se consideren oportunas. As listaxes pódense consultar en servizos Sociais e no taboleiros de anuncios da web www.vilagarcia.es. O prazo vai do 5 ao 17 de agosto.
O Conciliatardes ten como obxectivo facilitar a vida familiar, persoal e laboral das familias con fillos menores que non teñen clase pola tarde e que non teñen quen dea conta deles mentres os pais traballan. Trátase dun programa socioeducativo e de lecer de apoio á infancia, co obxectivo de conciliar as responsabilidades familiares, persoais e profesionais ao mesmo tempo que garante a igualdade de oportunidades.
Os nenos e nenas son atendidos por monitores e pedagogos especializados que desenvolverán con eles un amplo e variado programa que inclúe tanto aspectos educativos como lúdicos para fomentar a súa sociabilidade, vida sana, creatividade e potenciar os valores positivos.
As prazas ofertadas para o vindeiro curso ascende a 35 , todas elas para nenos e nenas nacidos entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2010. O servizo desenvolverase durante os meses de outubro 2013 a xuño de 2014 no Centro de Formación de Matosinhos, en horario de 15:30 a 21:00 horas.
Bonificacións e Gratuidade
As familias poderán adaptar uso do servizo á situación particular de cada caso, podendo optar á xornada parcial ou completa. A cota máxima a abonar por participar no Conciliatardes é de 80 euros, aínda que se establecen bonificacións do 25, 50 e 75% en función da situación económica da unidade familiar, chegando a ofrcer o servizo de xeito gratuíto para a aquelas familias cuxa renta pér cápita en base ao IPREM no acade o 80%.











