San Sadurniño clausura as actividades de conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+
Aldea de Verán

Aldea de Verán

Para o remate do verán aínda faltan tres semanas, pero os cativos xa presenten que a cousa acaba. A escola comeza o 11 de setembro e nas casas empezan a poñer orde de cara a que o reencontro coa rutina sexa o máis suave posible. É tempo, polo tanto, de que finalicen as actividades organizadas polo Concello para conciliar vida laboral e familiar que se desenvolveron nos últimos dous meses. Hoxe clausuráronse a Aldea de Verán e os cursos que se impartiron na piscina municipal para que os pequenos aprendesen a nadar ou mellorasen a súa técnica.

Na Aldea de Verán participaron entre xullo e agosto arredor de medio cento de nenos e nenas, que xogaron e aprenderon cos inventos como fío condutor de todas as súas actividades. Movéronse por todo o nucleo municipal: a casa da Cultura, o colexio, a praza do Concello, o contorno do Xuvia, os xardíns do pazo… e en todos eles fixeron xogos de grupo ou puxeron en práctica sinxelos experimentos científicos cos que comprender mellor o mundo que os rodea.

Nesta quenda de agosto a cativería traballou -entre outros temas- os medios de comunicación e a súa evolución. Así, aprenderon como funciona unha imprenta e mesmo chegaron a imprimir un libro empregando pintura de mans e tipografías móbiles feitas con tapóns de rolla. Tamén descubriron como se elabora unha noticia partindo das seis cuestións básicas ás que ten que responder a información -quen, que, onde, cando, como e por que- e construíron cámaras, televisores e micrófonos de cartón cos que incluso chegaron a simular entrevistas de rúa.

Outro aspecto sobre o que se traballou foi a igualdade e a importancia de que mulleres e homes -nenas e nenos tamén- se corresponsabilicen das tarefas no fogar. Neste sentido os iventos deron para moito: na Aldea de Verán aprenderon que a historia deixou grandes inventores e tamén grandes inventoras; que a vida se fixo máis doada con certos adiantos tecnolóxicos -como a lavadora ou o lavalouzas- pero que, aínda así, a igualdade de xénero hai que axudar a conseguila co exemplo todos os días.

A Aldea de Verán -financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo- pechou hoxe cun acto no que houbo música e xogos e coa participación das nais e dos pais. Ademais, tamén se lle entregaron á AS.PA.NE.MI -a asociación de pais e nais de nenos con minusvalías- todos os tapóns de plástico que os cativos xuntaron nestes dous meses para contribuír á campaña “Alba, a promesa”. Foron varias caixas de solidariedade acompañadas dunha carta de amizade e de ánimo para Alba escrita polos propios nenos e nenas.

Clausura dos cursos de natación

Ao mesmo tempo que remataba a Aldea de Verán, na piscina de Corrás tamén se clausuraban os cursos de natación que comezaron no mes de xullo. Arredor de 30 nenos e nenas gozaron durante a mañá de xogos na auga canda a monitora e os pais. 

Os cursos -orientados principalmente aos máis pequenos- centráronse na iniciación á natación e no perfeccionamento da técnica. As clases impartíronse en horario de mañá para non interferir nos baños libres da tarde. Malia que as actividades de aprendizaxe finalizaron hoxe, a piscina aínda continuará aberta ata o próximo 15 de setembro.

30 de agosto de 2013 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.