San Sadurniño chega á última fase na elaboración do Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

No mes de abril o Concello de San Sadurniño iniciou a elaboración do seu II Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes. O proceso desenvólvese de xeito mixto entre a empresa subcontratada Deloga e o persoal técnico do propio Concello, ademais da implicación da práctica totalidade dos axentes sociais de San Sadurniño. Catro meses despois xa se ten avanzado o plan operativo, ao que se lle dará luz verde a finais deste mes.

O II PIOMH do Concello de San Sadurniño ten o cometido de definir un proceso de mellora continua que axude a conseguir a igualdade real entre mulleres e homes. Deste xeito perséguese que o Plan de Igualdade sexa un documento de traballo que represente o compromiso da administración local na aplicación de políticas sociais que fomenten a igualdade real e efectiva. Por iso, o PIOMH está concibido como unha ferramenta de acción que porá en marcha medidas e actuacións que axuden a diminuír e eliminar en San Sadurniño calquera forma de discriminación por razón de xénero.

Durante o proceso de elaboración do plan contouse coa participación e a implicación de varios axentes -tecido asociativo, grupos políticos municipais e persoal técnico dos diferentes servizos do Concello- co fin de deseñar medidas acordes á realidade municipal que posibliten un mellor logro dos resultados.

Finalizada a fase de diagnose e investigación, estanse a dar as últimas pinceladas ao plan operativo onde se concretaron -froito do estudo e das entrevistas realizadas- os obxectivos, medidas de actuación, indicadores, recursos, temporalización e cales son departamentos municipais implicados. Este proceso de participación e definición do II PIOMH esixiu a celebración de varias mesas técnicas para a proposición, revisión e validación por parte do Concello e da empresa subcontrada de todos estes aspectos ata chegar á elaboración do plan operativo final. Coa celebración das mesas técnicas tamén se definiu a Comisión Técnica Municipal encargada do seguemento e control do plan operativo, así como o seu réxime de funcionamento e o persoal implicado.

Unha vez rematado esta fase, convocarase a finais de mes unha mesa de traballo na que se presentará o borrador do plan operativo incluíndo todas as propostas, medidas e actuacións resultantes do proceso de traballo anterior para a súa posterior validación.

O procedemento final, unha vez validado o documento, será levalo a pleno para a súa aprobación e comezar o proceso de comunicación e difusión do II PIOMH, un proxecto que conta con financiamento da Deputación da Coruña.

7 de agosto de 2013 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.