San Sadurniño celebra a V Feira Rural con preto dun cento de expositores
A Feira Rural deste ano promete ser unha das máis concorridas da súa breve historia. Ao peche do periodo de inscrición de participantes xa confirmaran a súa asistencia un total de 95 expositores. As previsións meteorolóxicas indican ademais que este sábado seguramente veña soleado, razón a maiores para que San Sadurniño se converta en punto de atracción comercial e turística para toda a comarca.

Programación da Feira Rural
A lista de expositores inscritos recolle 18 postos de produtos da terra, 35 de artesanía, 27 de artigos de segunda man e intercambio, 4 viveiros de flor e planta e, por último, 2 de maquinaria agrícola. Canda eles haberá outros oito que non entran nas anteriores clasificacións pero que tocan dalgún xeito o comercio de proximidade ou o desenvolvemento rural, como é o caso de asociacións e entidades que, sen vender nada, promoven a sustentabilidade ou a responsabilidade no consumo.
Este ano a feira incorpora pequenas variacións con respecto aos anteriores. A data moveuse para este penúltimo sábado de agosto e o espazo reordeouse para darlle ao encontro a estrutura propia dun mercado. Desta maneira todos os postos situaranse no paseo do arboredo galego, mentres que a leira da Cortiña onde antes estaba a carpa deixarase para as probas da II Copa Agility -adestramento de cans- e para os obradoiros de equitación a pelo.
Desde as 10 da mañá en que comeza a feira e ata as 19.30 que se clausurará haberá unha chea de actividades paralelas para todas as idades: obradoiros de cociña creativa, concurso de froita autóctona, visitas guiadas á horta de froiteiras e ao apiario didáctico, catas de sidra e viño do país, actuacións musicais, paseos en caiac polo Xuvia, así como exposicións de razas autóctonas, de tallas en madeira, froita e de aparellos solares. E así ata compoñer máis dunha vintena de posibilidades de lecer.
Durante a feira tamén se organizan en colaboración co clube MTB Biela e Chaveta dúas marchas ciclistas. A primeira delas é a II Ruta BTT Concello de San Sadurniño que partirá do recinto da feira ás 10.30h. para facer un percorrido todoterreo de 20 quilómetros. Trátase dunha ruta non competitiva pero con certa dificultade, polo que vai dirixida a maiores de 16 anos.
A segunda ruta é a IX Marcha Cicloturista Concello de San Sadurniño. Está pensada para toda a familia e sairá do mesmo lugar ás 11.00h. para dar unha volta de 13 quilómetros e de dificultade baixa. As fichas de inscrición están dispoñibles no apartado web da feira.
Con esta programación e co tempo que se prevé, o Concello agarda que a V Feira Rural supere as anteriores edicións en canto a asistencia de público. Xente chegada de toda a volta que non só para na Cortiña, senón que tamén aproveita o día para coñecer San Sadurniño. De feito, dentro dos obxectivos municipais está o de que a feira sexa escaparate do potencial do medio rural e un argumento máis para dinamizar o tecido económico local do que se beneficia principalmente a hostalaría.











