San Sadurniño aproveita as vacacións do verán para duplicar a superficie do seu ximnasio municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+
Tarefas de ampliación

Tarefas de ampliación

Desde esta semana e ata o luns 9 de setembro, o ximnasio municipal permanecerá pechado por vacacións da monitora e tamén por mor das obras de ampliación que se están desenvolvendo nas instalacións. Os traballos forman parte do plan especial de mellora de infraestruturas impulsado polo Concello e suporá un investimento de 23.000 euros. Ademais, as obras tamén suporán carga de traballo para os operarios contratados recentemente dentro do plan.

O ximnasio é un dos servizos municipais con máis aceptación. Desde a súa apertura en 2009 o número de inscricións foi medrando e hoxe sitúase nos 30 usuarios fixos e unha media mensual de 10 persoas que acoden en días soltos. Unha cifra para a que o recinto é algo escaso (50 m²), sobre todo nos seráns, que é cando máis xente se xunta para facer exercicios e usar as 15 máquinas dispoñibles.

Por esta razón o Concello decidiu acometer a reforma das instalacións para incrementar o espazo útil. Así, na parede sur -onde están as fiestras- abriranse tres grandes ocos e erguerase unha nova ala uns tres metros cara a fóra. Desta maneira quedará un recinto máis folgado para redistribuír os equipamentos ao tempo que aumenta a superficie libre para facer exercicios de chan. As obras significarán na práctica que o ximnasio case duplique o seu espazo, xa que chegará aos 90 m².

As obras execútanse por administración: o Concello merca os materiais necesarios e son as persoas contratadas a través do plan especial de infraestruturas quen fan o traballo. A partida orzamentaria que figura no plan é de 23.380,65 euros entre ive, salarios, materiais e medios auxiliares. As obras deberán estar rematadas para a reapertura do ximnasio, prevista para o luns 9 de setembro.

Máis obras do plan especial

A ampliación do ximnasio non será o único labor que terán encomendado os oito traballadores contratados ata final de ano polo Concello. No total do proxecto -cuantificado en 88.000 euros- tamén se recolle a mellora da accesibilidade no local social de Lamas, a construción de dous cobertizos no Camiño Arriba e en Ferreira de Abaixo, o arranxo do aparcadoiro do cemiterio de Santa Mariña e, por último, a reposición de elementos na rede viaria municipal. Ademais, tamén está previsto que parte dos operarios leven a cabo a construción da depuradora experimental no lugar da Vila, en Ferreira.

6 de agosto de 2013 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.