San Sadurniño abre o prazo de inscrición nas escolas de cultura e deportes
Aínda falta máis dun mes para que bote a andar o curso 2013-14 das escolas culturais e deportivas que organiza o Concello. Porén, o prazo de inscrición xa está aberto e as matrículas poden facerse na casa da Cultura en horario de mañá.
De cara a esta edición das escolas ofértanse seis posibilidades con distintos niveis nalgunhas delas. Así no tocante a cultura haberá escola de música cun grupo de iniciación e outro de perfeccionamento, igual que no caso da música tradicional -baile, pandeireta e gaita- onde se farán grupos dependendo dos coñecementos previos do alumnado.
Para deportes repiten as clases de ximnasia de mantemento, as de rehabilitación para persoas maiores e as escolas municipais de fútbol xestionadas polo CF San Sadurniño e as de volei impartidas por monitores do Aldebarán.
Todos os cursos irán arrancando na primeira semana de outubro sempre que se xunte xente suficiente para levalos a cabo. Por iso xa está aberto o periodo de inscrición, que deberá formalizarse na casa da Cultura en horario de mañá. Os prezos das actividades son os seguintes:
– Escolas Culturais e Deportivas Municipais, para maiores de 18 e menores de 65 anos, por cada trimestre ou fracción de duración: 15 euros de matrícula e 28,88 euros por cada trimestre.
– Escolas Culturais e Deportivas Municipais, para menores de 18 e maiores de 65 anos, así como titulares de carné xove, estudantes, pensionistas e familias numerosas por cada trimestre ou fracción de duración: 15 euros de matrícula e 19,26 euros por cada trimestre.
De acordo coa ordenanza que regula as taxas pola prestación de servizos culturais e deportivos, a partir do primeiro trimestre de 2014 estes prezos actualizaranse segundo o IPC.
As concellarías de Cultura e de Deportes agardan que as escolas repitan o éxito do ano pasado, en que se formalizaron un total de 350 inscricións. Ademais, tamén se manterá a política de descentralización de parte das actividades, de xeito que os apartados de música tradicional se desenvolverán no local social de Naraío mentres que os de música vocal terán lugar en Lamas.











