Sae a concurso a concesión do Centro da Terceira Idade da Ramallosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+

A concesión do Centro da Terceira Idade da Ramallosa sae a concurso, tras a publicación do prego definitivo no BOP de hoxe. Os interesados en optar a esta concesión terán 30 días naturais dende mañá venres 30 de agosto para presentar as propostas, cuxos requisitos poden consultarse tamén na páxina Web municipal.

As instalacións municipais da Ramallosa saen a concurso tras realizarse as obras acondicionamento e mellora consideradas no proxecto elaborado polos técnicos municipais, que permitiron regularizar a situación esta instalación. Neste sentido, o rexedor municipal recorda que o anterior goberno socialista sacou a concurso unha instalación municipal sen licenza de actividade, ao igual que sucedeu no seu día coas instalacións de Dunas de Gaifar.

O Centro da Terceira Idade da Ramallosa retomará nos próximos meses a súa actividade habitual, e tamén as actividades que se realizaban nestas dependencias municipais.

A concesión será a oito anos, polo que o proceso de tramitación é maior, “de aí que se alongase no tempo a súa convocatoria”, observa o rexedor municipal, quen garante que o trámite se realizou e se realizará coa maior axilidade posible. Un atraso que é tamén consecuencia da necesidade de regularizar unha situación que debeu ser emendada por anteriores gobernos, pero que tivo que ser resolta polo actual goberno. “De todos os xeitos, non importa o tempo senón facer as cousas de forma regular e con boa letra”, engade.

Valverde lamentou a actitude do principal grupo da oposición. “Os que hoxe critican o peche temporal do Centro da Terceira Idade deberían ter suficiente vergoña como para non facer comentario ningún ao respecto, especialmente atendendo ás chapuzas e irregularidades nas que nos encontramos esta instalación municipal”, asevera.

“Esperamos que o resultado desta convocatoria sexa similar ao da cafetaría Playa, unha instalación que cando chegamos estaba abandonada polo anterior goberno que a día de hoxe se converteu nun referente do municipio”, conclúe.

29 de agosto de 2013 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.