Ribadumia convoca axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia convoca axudas para libros de texto e material escolar. Trátase dunha iniciativa nova, proposta polo actual goberno, que pretende apoiar e axudar ás familias con menos recursos e compensar o gasto que supón a compra de novos libros de texto e do material no comezo do curso escolar.

As axudas están destinadas a infantil, primaria e secundaria, para o alumnado empadroado en Ribadumia e que estea matriculado nalgún centro do municipio durante o curso 2013-2014. A finalidade e promover o acceso en condicións de igualdade e previr o risco  de fracaso escolar dos menores con escasos recursos económicos.

As contías establécense en 80€ para 2º ciclo de infantil dirixidos a compara de libros e material escolar e de 70€ en Primaria e Secundaria para a compra de material escolar e roupa deportiva.

Para poder recibir estas axudas os solicitantes non poden percibir outras polos mesmos conceptos, cumprir uns limites económicos que se establecen no 100% do SMI para dúas persoas, incrementando nun 20% por cada membro adicional.

As solicitudes pódense presentar a partir de hoxe no Concello de Ribadumia en horario de 08:00 a 14:00 horas.

Esta non é a única axuda que o Concello de Ribadumia inclúe en materia de educación, xa que desde a posta en marcha do comedor escolar os orzamentos municipais destinan unha partida económica para subvencionar o servizo. Este ano destínanse 15.000 euros, consensuados coa Asociación de Nais e Pais, o que permite reducir de xeito importante o custo do menú para as familias.

Tamén como apoio ás familias do municipio, este curso continúan coas taxas conxeladas na Escola Infantil 0-3 anos, a pesar da suba que por lei aplicou a Xunta de Galicia. Isto significa que o Concello está asumindo a diferenza entre as tarifas que pagan os pais e as que aplica a administración autonómica. Esta decisión supón un esforzo para as arcas municipais, un gasto engadido para o concello pero que están dispostos a asumir este curso para facilitar as cousas ás familias do municipio.

1 de agosto de 2013 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.