Ribadumia abre o 16 de agosto o prazo da Escola de Ocio e o Programa Madruga para o curso 2013/2014
O Concello de Ribadumia abrirá en breve o prazo para matricularse na Escola de Ocio e Tempo Libre e na Aula de Acollida –Programa Madruga- de Ribadumia durante o novo curso escolar 2013-2014. As persoas interesadas deben a aportar a seguinte documentación no momento da reserva de praza: copia dos dni do pai, da nai e do fillo, certificados de convivencia da familia, copia dos contratos laborais e número de conta bancaria.
As prazas son limitadas, o prazo de solicitude comeza o 16 de agosto e remata o día 30 de agosto nas oficinas municipais en horario de 08:00 a 14:00 horas
Tanto a Aula de Acollida como a Escola de Ocio e Tempo Libre están destinados para nenos desde os 3 anos, empadroados en Ribadumia.
A Aula de Acollida leva funcionando en Ribadumia dende o ano 2005 e supón unha importante oportunidade para as familias, xa que permite deixar aos seus fillos no centro escolar desde as 7:30 horas ao cargo de coidadoras municipais. Elas encárganse de organizar actividades coas nenas e cos nenos ata o inicio da xornada escolar, momento no que acompañan aos nenos ata as súas aulas.
Pola súa parte, a Escola Educativa de Ocio e Tempo Libre de Ribadumia funcionará por sétimo ano consecutivo. Co inicio do curso escolar, este programa retomará o horario de tarde –desde o remate do comedor escolar ata as 20:00 horas- así como a ubicación inicial dentro do recinto escolar, logo de que durante os meses de verán se celebrase pola mañá na Casa da Cultura de Ribadumia. Durante estas horas, os rapaces disfrutan de xornadas lúdicas organizadas polos monitores.
Aposta pola conciliación
A alcaldesa de Ribadumia Salomé Peña resalta que Ribadumia dispón de numerosos programas para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, tales como a Aula de Acollida, a gardería municipal, o comedor escolar, a Escola para o Ocio e o Tempo Libre ou o Fogar de Maiores. “Todo isto pon de manifesto o alto compromiso do Equipo de Goberno pola promoción dos servizos sociais e a súa aposta por ofrecer programas que melloren a calidade de vida dos nosos veciños”, engade.
En relación co funcionamento da Escola de Ocio e Tempo Libre e a Aula de Acollida, Salomé Peña mostra a súa “plena satisfacción, xa que son moitas as familias que cada curso escolar teñen solucionada a atención aos seus fillos con estes programas municipais”. Con estes servizos, garanten atención para os nenos desde as 7.30 ata as 20.00 horas, ofrecendo un amplo horario para que as familias poidan compatibilizar os seus horarios laborais cos horarios escolares dos seus fillos.











