Rey Varela mantén un encontro coa nova directora do plan Ferrol e co responsable do Igape

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+
Instante da reunión

Instante da reunión

Jose Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro coa nova directora do Plan Ferrol, Eume e Ortegal, Natalia Barros; e co director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera. O primeiro edil da cidade felicitou a Natalia Barros polo seu recente nomeamento como responsable do devandito plan para o estímulo da actividade económica e industrial da zona, ao tempo que garantiu a continuidade da colaboración da Administración municipal para conseguir os obxectivos.

Rey Varela apuntou que “esta comarca afronta o problema de que ten un nivel de desemprego por encima da media galega”, o que explicou en base a dúas circunstancias: “a crise xeral que afecta ao conxunto do país e a que dende fai moitos anos atravesa un sector que practicamente é monocultivo en canto a xeración de emprego na zona”. Ao respecto, apuntou que o Concello de Ferrol “seguirá traballando co resto de administracións para que a curva de decrecemento cambie a tendencia e se converta en curva de crecemento”.

Pola súa banda, Barros trasladou o seu compromiso de “traballar mana a man coas empresas para impulsar a súa competitividade e recuperar o crecemento”. Nesta liña, a directora do Plan Ferrol dixo que achegará aos empresarios da zonal o marco de apoios e servizos habilitado para o desenvolvemento dos seus proxectos, para procurar que coñezan e aproveiten todas as posibilidades existentes para impulsar os seus investimentos e as súas iniciativas, tanto no que atinxe á mellora da competitividade empresarial como para a internacionalización.

 Convocatoria de axudas

Por último, o director do Igape informou de que nestes momentos están abertas convocatorias de axudas para emprendedores da Consellería de Economía e Industria que garanten en Ferrolterra, Eume e Ortegal apoios mínimos do 25% para os investimentos comprendidos entre os 35.000 e os 500.000 euros. Ademais, os proxectos aprobados a través da liña de Incentivos Rexionais, para investimentos superiores a 600.000 euros, accederán a unha subvención superior á que obterían noutros territorios. Así mesmo, explicou que os proxectos de internacionalización nestas comarcas contan con axudas un 5% máis elevadas, que poden chegar a cubrir o 80% nos proxectos de cooperación.

1 de agosto de 2013 | 20:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.