Rey Varela enmarca a visita a Matosinhos e Leixôes na importancia estratéxica para o desenvolvemento da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, enmarcou a viaxe oficial que na xornada de hoxe fixo á Cámara Municipal de Matosinhos e ao porto de Leixôes, en Portugal, na “importancia estratéxica que ten para o desenvolvemento económico, industrial e a xeración de emprego en Ferrol e comarca o porto exterior de Caneliñas e a súa terminal de contenedores”. Rey Varela desprazouse ao país veciño acompañado do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jose Manuel Vilariño Anca, e do director do ente portuario local, Emilio Fernando García-García. O primeiro edil ferrolán sinalou que o obxectivo desta viaxe foi dobre: por un lado, afondar nas relacións institucionais entre Ferrol e Matosinhos, e, por outro, coñecer sobre o terreo o funcionamento da terminal de contenedores de Leixôes, a maior de Portugal.

Así as cousas, esta visita oficial do alcalde de Ferrol responde a oportunidade de ir sentando as bases de cara a avanzar no aproveitamento de sinerxías que existen entre os concellos de Ferrol e Matosinhos, Ao respecto, cómpre salientar que tanto en Ferrol como en Matosinhos a actividade portuaria é un dos eixes básicos do desenvolvemento e das economías locais. Así mesmo, e  ao igual que fai a devandita vila portuguesa, Ferrol quere participar do tráfico marítimo de contenedores a través das intalacións portuarias situadas na bocana da ría. “O porto exterior de Ferrol, coa próxima entrada en funcionamento da terminal de contenedores, é un eixo fundamental para o crecemento de Ferrol e comarca, para a súa diversificación industrial e para a xeración de emprego e riqueza na zona”, apuntou Rey Varela.

O rexedor municipal insistiu en que a terminal de contenedores de Caneliñas “é un dos proxectos máis ambiciosos e con maiores efectos positivos para a economía da zona”. Nesta liña, manifestou que “a disponibilidade desta gran infraestrutura, con grandes calados e gran superficie portuaria, unida ao seu emprazamento privilexiado, preséntase como unha oportunidade para que o porto exterior de Ferrol se converta en referente da fachada atlántica peninsular”.

Cámara Municipal e Porto do Douro e Leixôes

A comitiva de Ferrol, presidida polo alcalde Jose Manuel Rey Varela, foi recibida a primeira hora da mañá polo presidente da Cámara Municipal de Matosinhos, Guiherme Pinto. O primeiro edil ferrolán entregoulle a modo de agasallos institucionais unha fonte de cerámica de Sargadelos coa imaxe do castelo de San Felipe e o libro “A Nosa Pintura”.

A continuación, Rey Varela e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao desprazáronse até as instalacións portuarias de Leixôes, consideradas as segundas de Portugal no que atinxe a dimensións. Tras percorrer esta área portuaria con parada no Centro de Coordenaçao de Navíos, Portaria Única eTerminais Portuários, visitaron a terminal de contenedores. Neste percorrido, a comitiva ferrolá estivo acompañada do presidente do Consello de Administración do Porto de Douro e Leixôes, Emilio Brogueira Dias; do vogal deste ente portuario luso, Joâo Pedro Braga da Cruz, e do director de Operacións Portuarias, Antonio Santos Gomes.

2 de agosto de 2013 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.