Resérvanse entradas para a súa venda no recinto da Festa do Pulpo
Os organizadores da LI edición da Festa do Pulpo do Carballiño decidiron reservar algunhas entradas para a comida oficial e vendelas no propio recinto. A experiencia de anos anteriores indica que son numerosas as persoas que o mesmo día da festa queren comer no recinto oficial, onde o comensal é servido por camareiros, coa posibilidade de repetir cada prato, e coa comodidade do lugar do recinto. Por este motivo decidiuse reservar algunhas entradas para a venda directa no despacho que se instala cada ano á entrada do recinto, e así os “tardíos” poidan tamén gozar do menú oficial da Festa do Pulpo.
Nestes momentos está vendido máis do 80% do recinto, aínda que adoita ser habitual que nos dous últimos días é cando máis afluencia hai de comensais para adquirir as tarxetas “son moitos os que esperan a última hora para comprar a tarxeta, pendentes do tempo ou dos amigos e familiares que confirman a súa presenza. Pensando nesta xente é polo que tamén decidimos reservar algunhas tarxetas para o mesmo día, e non deixar a ninguén sen Pulpo”, aseguraba o alcalde carballliñés.
O menú da Festa do Pulpo consiste en polbo a feira, empanada, carne ou caldeirio, sobremesas variadas, auga, viño, refrescos, café, licores e queimada. Todo iso a repetir polo comensal canto queira, e por un prezo de 30 euros por persoa.











