Representantes veciñais, comerciantes e hostaleiros reuníronse con membros da corporación municipal para tratar o tema do lixo

Reunión informativa
O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado do Voceiro Municipal, Julio Flores, e do concelleiro de Medio, Enrique Salvador, mantivo unha reunión de traballo con representantes de veciños e comerciantes e dos sectores hostaleiro e hoteleiro da cidade (Luisa Varela, Juan Chas, Miguel Agromayor, Héctor Cañete e Francisco Canabal), para informar da situación na planta de Nostián e dos servizos mínimos que decretou para a xornada de folga, tanto na planta de tratamento coma no servizo de recollida, e o dispositivo especial de vixilancia. “Os representantes sociais e veciñais están de acordo en que a resolución do conflito de Albada non pode pasar en ningún caso por un incremento na taxa do lixo aos coruñeses”, sinalou Julio Flores.
Os representantes trasladaron ao Goberno Local o seu apoio e a súa máxima colaboración para que se resolva o antes posible o conflito. “Están de acordo co Goberno local de que os coruñeses non poden ser os reféns desta situación nin pagar os pratos rotos dun conflito laboral”, destacou Julio Flores. Neste sentido, condenaron os actos vandálicos producidos durante a folga do servizo de tratamento de lixo e solicitaron que o Concello vixiase o cumprimento dos servizos mínimos decretados, para que así a xornada de paro decretada para mañá influíse o menos posible nos cidadáns.
Julio Flores informou de que os servizos mínimos decretados na planta de tratamento de Nostián son os mesmos que os marcados dende o 22 de agosto. En total, serán 30 traballadores, dos cales 11 estarán na quenda de mañá, 13 na quenda de tarde e 6 na quenda de noite. Respecto aos inicialmente aprobados, reduciuse un 40%, pasando de 44 a 30 traballadores, debido a que a planta non trata o lixo que provén dos concellos do Consorcio Das mariñas. Con respecto aos servizos mínimos para o servizo de recollida, o Voceiro municipal destacou que se fará especial fincapé nos hospitais, mercados municipais, residencias e puntos de maior trasfego na cidade. “Cos servizos mínimos marcados prevese recoller entre o 50 e o 60% do lixo das rúas”, sinalou.
“Se ambas as dúas partes tivesen vontade real para o acordo, poderían decidir que a mediadora da Xunta puidese ter capacidade de arbitraxe vinculante para ambas as dúas partes”, destacou Julio Flores. “A nosa opinión é que a empresa e os traballadores levan moito tempo andando con voltas e sabemos que hai elementos abondo enriba da mesa para que ambas as dúas partes cheguen a un acordo sen que repercuta sobre a taxa de lixo. Este goberno está disposto a falar de como se pode mellorar o nivel de reciclaxe, pero do que non está disposto a falar é de que os cidadáns paguen máis polo mesmo”.
O Voceiro municipal fixo “un chamamento ao sentido común para que non se produzan episodios de matonismo” e referiuse ao elevado custo que os actos de sabotaxe carrexaron a todos os coruñeses. Neste sentido, recordou que o Goberno local puxo en marcha dende hai semanas un dispositivo de seguridade composto pola Policía Local e o Corpo Nacional de Policía e que será este para a xornada de folga de mañá. Flores aproveitou, tamén, para facer unha chamada á responsabilidade dos grupos da oposición: “Que deixen de alimentar unha folga política e que, sobre todo, defendan os coruñeses”.











