Renovación da iluminación pública do Paseo das Pontes cun investimento duns 236.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

Novo proxecto dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética nos espazos públicos da cidade, o que á súa vez contribúe a un aforro económico para as arcas municipais. En concreto, trátase da reforma que se desenvolverá no Paseo das Pontes, onde o Goberno municipal reserva un investimento que supera os 236.000 euros.

Os técnicos municipais constataron que a iluminación exterior do Paseo das Pontes non é o máis axeitado, con luminarias antigas e que presentan unha severa deterioración. A potencia actual instalada en lámpadas é de 21,93 quilovatios en 145 luces que son pouco eficientes e cun alto grao de contaminación lumínica (a fonte de luz predominante é o vapor de mercurio, unha solución cunha mínima eficiencia enerxética e con alta presenza de metais pesados).

O Concello decidiu continuar co seu plan de mellora da iluminación pública nesta zona do Paseo das Pontes. Cun investimento programado de 236.602 euros, esta reforma integral permitirá unha rebaixa do consumo enerxético significativa (aforro de máis de 14 quilovatios por hora) e a homoxeneización dos puntos de luz. Malia a redución da potencia instalada e de consumo, as prestacións lumínicas da nova iluminación serán maiores, grazas á implantación de sistemas de última xeración que dotarán á zona dunha iluminación máis xusta e eficiente.

A Concellaría de Infraestruturas ten previsto instalar equipos con tres luminarias, así como tres farois no ámbito da muralla. Para resolver as zonas das escaleiras, as senllas e o parque infantil, apóstase por luminaria LED. No caso das senllas que transcorren pegadas á muralla, optarase por balizas antivandálicas; e na zona de prazas entre Paseo das Pontes e Paseo de Rolda reforzarase cun proxector LED.

23 de agosto de 2013 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.