Remataron as obras na sede Comarcal da Cruz Vermella en Ferrol

Visitando as obras
As obras cumpren un compromiso asumido polo rexedor, Rey Varela antes de ser alcalde a través da presentación dunha moción na que se solicitaba a mellora destas instalacións municipais.
Así as cousas e logo de supervisar os traballos realizados xunto cos responsables de Cruz Vermella na cidade, o primeiro edil da cidade explicaba que a actuación levada a cabo no inmoble da sede comarcal permite “o apoio a unha entidade que se caracteriza pola loita na defensa da igualdade e das oportunidades, ademais da recuperación dun edificio modernista tan emblemático no centro da cidade que forma parte do patrimonio municipal”. O rexedor municipal desexaba que a entidade social “siga coa súa actividade en defensa das persoas ás que dan servizo na nosa cidade, para o que poden contar co apoio do conxunto da Corporación Municipal a través dos convenios que asinamos anualmente”.
Nesta liña, o presidente da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella en Ferrol, Francisco Vázquez Fontenla, agradecía a actuación realizada pola Administración ferrolá “e que está permitir que este edificio construído a comezos do século XX recupere o seu esplendor”. O investimento, asumido pola Concellería de Benestar Social, ascendeu a 50.000 euros e permitiu a impermeabilización e pintado da cuberta, a restauración da fachada e o pintado integral do inmoble.
Servizo de teleasistencia domiciliaria
Rey Varela lembrou o convenio de colaboración asinado o pasado mes de xuño coa Cruz Vermella para o desenvolvemento do servizo de teleasistencia domiliciaria. Esta prestación, que consiste nunha liña telefónica e un equipamento de comunicacións específico, posibilita a atención a persoas maiores e persoas con discapacidades ofrecendo una resposta rápida ante situacións de emerxencia as 24 horas e os 365 días do ano. A achega municipal para este servizo é de 26.100 euros, coa posibilidade de aumentar este acordo de cooperación por parte da Administración local se fose necesario.











