Rematan as obras na senda peonil A Cheda-Gabenlle

Vistas da senda peonil
A senda peonil que comunica o casco urbano da Laracha, desde o lugar de A Cheda –xunto á avenida López Astray-, ata as últimas vivendas do núcleo de Gabenlle xa é unha realidade. O alcalde, José Manuel López Varela, reuniuse co representante da empresa que executou a parte das obras referida á iluminación pública –Montaxes Eléctricos Tibar S.L.- para comprobar que as mesmas xa están rematadas e a nova infraestrutura, posta por completo a disposición dos veciños do municipio.
As últimas actuacións consistiron na posta a punto dos báculos da nova iluminación pública que alumeará toda a lonxitude da senda, así como na instalación das barandillas coas que se garante a completa seguridade dos peóns nos tramos nos que existe certa altura con respecto ás fincas colindantes.
Previamente realizárase a pavimentación dos 900 metros de distancia da nova infraestrutura –coa correspondente sinalización horizontal e vertical-, así como a rede de recollida de pluviais e a canalización subterránea dos servizos de iluminación pública e telefonía.
O proxecto foi deseñado e proxectado polo Concello da Laracha. A Deputación Provincial da Coruña, como titular desta vía, financiou integramente a actuación, investindo a cantidade de 238.000 euros co obxecto de crear unha senda peonil, separada da estrada polas árbores centenarias, que discorre por unha zona de considerable tránsito tanto de vehículos –é o principal acceso desde A Laracha ata as parroquias de Soandres, Coiro e Erboedo- como de viandantes, por tratarse do camiño que dirixe cara a área recreativa de Gabenlle e o inicio do paseo fluvial do río Anllóns.











