Redúcense os custes do concello coa mellora dos servizos do punto limpo e da limpeza viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A nova concesionaria da xestión do punto limpo e da limpeza viaria no Concello da Laracha, a Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber), presentou hoxe a actividade que xa está prestando e que supón unha importante mellora nos servizos que se ofrecen á poboación e a un menor custo para as arcas municipais.

O acto desenvolveuse no propio local de Aspaber, situado no número 4 da céntrica rúa Lino Gómez Canedo, da capital municipal larachesa, instalación habilitada pola empresa para atención ao público, uso dos seus traballadores e almacén do material. A presentación foi a cargo do presidente de Aspaber, Francisco Costa, a súa xerente, Dolores Fernández, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela. Entre os asistentes estiveron Eduardo Parga, alcalde do concello de Malpica de Bergantiños, e Milagros Lantes, concelleira de planificación e desenvolvemento urbano en Carballo, aos que se convidou ao acto dado que Aspaber tamén presta determinados servizos públicos nos seus municipios.

Como dato concreto, salientar que o aforro para as arcas municipais con respecto ao prezo máximo de licitación ascende, entre ambos servizos –limpeza viaria e xestión do punto limpo-, a preto de 20.500 euros anuais, a pesar de que se reforzará e mellorará a prestación dos mesmos.

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, iniciou a súa intervención asegurando que “satisfacción é a palabra que reflicte o servizo que está prestando Aspaber e tamén que fose esta empresa a concesionaria dos contratos pola labor social que está a levar a cabo”, un agrado que “tamén nos están transmitindo os nosos veciños”.

O rexedor municipal centrouse en catro aspectos fundamentais. En primeiro lugar, fixo referencia á función que Aspaber realiza en beneficio da inserción laboral de persoas con especiais necesidades. Tamén valorou a ampliación e mellora nos servizos que se prestarán á poboación larachesa, coa modernización das instalacións do punto limpo e a ampliación do seu horario de apertura –especialmente, os sábados pola tarde-, a implantación da recollida de voluminosos e, nun futuro próximo, de aceites domésticos, e tamén o reforzamento da recollida de papel-cartón co servizo directo denominado ao pé dos colectores que se oferta aos establecementos comerciais. Como terceiro punto referiuse ao abaratamento dos custos con respecto ao prezo máximo de licitación e que suporá un notable aforro económico para o Concello. Por último, pediu o esforzo e a colaboración dos comerciantes e da veciñanza en xeral en facer un uso correcto dos colectores de recollida selectiva e potenciar a reciclaxe, especialmente do vidro e do papel e cartón, adiantando que, de cumprirse certos obxectivos, o goberno municipal podería promover unha rebaixa no prezo do recibo da recollida de lixo.

Pola súa parte, a xerente de Aspaber, Dolores Fernández, valorou a importante labor social que leva a cabo a empresa, afirmando que “o que máis nos importa é o emprego das persoas con discapacidade”. Sobre esa labor apuntou que foron subrogados cinco traballadores da anterior concesionaria e que previsiblemente en setembro serán dados de alta outros catro empregados que nestes momentos se atopan en período de formación.

Salientou Dolores Fernández que durante a xestión destes servizos por parte de Aspaber, as ferramentas informáticas terán unha gran relevancia para recibir avisos e ofrecer información en tempo real sobre a recollida de residuos. Calquera persoa con acceso a internet poderá interactuar con eles unha vez estea operativa a web, que posiblemente será a finais de agosto ou primeiros de setembro.

A xerente da empresa concluíu a súa intervención agradecendo ao alcalde que se lle ofrecese a xestión da recollida do vidro, servizo que non estaba inicialmente incluído no contrato e que tamén está a realizar Aspaber, e afirmando sentirse “moi ilusionados” coa labor que desenvolverán na Laracha tralas boas experiencias que tiveron en Carballo e en Malpica no sector da limpeza, o que considera “un bo nicho de emprego para persoas que precisan de apoio”.

Horario actual do punto limpo da Laracha

Luns: De 15.00 a 20.00 horas.

Mércores e Venres: De 16.00 a 20.00 horas.

Sábados: De 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

9 de agosto de 2013 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.