Redúcense as posibilidades dos padexistas galegos no Mundial de Diusburg
José Luis Bouza, Carlos Pérez Rial, Diego Romero e Ton Campos non puideron conseguir unha praza nas finais das súas respectivas categorías no Mundial que se disputa na cidade alemá de Diusburg. Non obstante, aos padexeiros galegos aínda lles quedan opcións de lograr os seus obxectivos. Este venres disputarase a segunda xornada dun campionato que se prolongará ata o domingo.
Carlos Pérez Rial e Diego Cosgaya, en K-2 500 metros, realizaron unha boa primeira rolda, pero foron eliminados nunha das semifinais. Algo parecido lles sucedeu a Diego Romero e Ton Campos, en C-1 1.000 metros, que se encontraron cun muro insalvable na semifinal. José Luis Bouza tampouco tivo sorte e caeu na rolda que daba acceso á carreira definitiva en C-1 1.000 metros.
Carlos Pérez Rial e Diego Cosgaya terán a partir de agora unha nova ocasión de poder demostrar as súas calidades no K-2 200 metros, modalidade que comezará as súas roldas previas este venres. Outros padexeiros galegos tamén entran na competición.
Carlos Arévalo e Cristian Toro no K-2 200 traballaron de forma intensa para chegar nas mellores condicións posibles a esta competición. Tamén a embarcación de K-4 1.000 metros, cos galegos Óscar, Carreira e Rodrigo Germade, será o centro de atención. Raquel Rodríguez, Tania Fernández e Teresa Portela conforman o resto de padexeiros que terán as súas oportunidades na xornada do venres. Teresa Portela, subcampiona de Europa, perfílase como unha das favoritas para lograr unha medalla en K-1 200 metros.











