Rapaces da provincia participarán o vindeiro martes en “La Vuelta Ciclista Junior” que subirá ao Faro de Fisterra
O próximo martes 27 de agosto La Vuelta Ciclista a España rematará a súa cuarta etapa no Faro de Fisterra, despois de pasar por once concellos da provincia da Coruña.
Antes da chegada do pelotón de profesionais á meta, un grupo de xoves ciclistas da provincia realizarán o último tramo dentro de La Vuelta Junior.
A partir das 15.00 horas dese mesmo día realizaranse 4 carreiras no último quilómetro do percorrido nas que participarán entre 100 e 150 rapaces e rapazas de 3º,4º, 5º e 6º de primaria.
Os participantes formaron parte durante o curso das aulas ciclistas, un programa educativo paralelo a esta proba deportiva coa que ex ciclistas profesionais dan clases teórico-prácticas en colexios e escolas de concellos que forman parte do percorrido de cada edición.
Durante estas clases realizouse en cada centro unha gymkana para pór en práctica o aprendido e que serviu para realizar a selección dos participantes nesta versión junior de La Vuelta.
Ao finalizar as carreiras infantís, os gañadores e gañadoras subirán ao pódium de La Vuelta Junior. Despois, todos os participantes, así como as súas familias, poderán disfrutar da chegada do pelotón ao Faro de Fisterra.
Do mesmo xeito, ao remate da Etapa do Fin do Mundo, os gañadores de La Vuelta Junior subirán de novo ao pódium para facerse fotografías cos vencedores. Todos os participantes terán unha camiseta e unha mochila como regalo e recordo por esta experiencia.
O obxectivo desta carreira é promover a práctica deportiva entre os máis xoves, fomentar os hábitos de vida saudables e o uso da bicicleta dun xeito responsable e seguro como medio de transporte alternativo.
Marcha cicloturista en Cee
Ademais, este domingo día 25 a Deputación da Coruña e o Club Ciclista de Cee organizan unha marcha cicloturista dentro das actividades postas en marcha ao redor da Etapa do Fin do Mundo.
A marcha, con saída ás dez da mañá do Polideportivo Municipal de Cee e chegada ao mesmo lugar, percorrerá durante 115 quilómetros os arredores desta localidade e, durante a súa celebración, os participantes contarán con avituallamento sólido e líquido, asistencia mecánica e asistencia médica, así como vestiarios para o seu uso ao final do traxecto.
A chegada á meta está prevista para as tres da tarde.
Percorrido da etapa Fin do Mundo
A Etapa do Fin do Mundo, patrocinada pola Deputación da Coruña, partirá o día 27 de agosto de Lalín, entrará na provincia por Teo e, a continuación, pasará por Vedra, Santiago, Ames, Negreira, Mazaricos, Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión e, finalmente, Fisterra, onde os ciclistas chegarán ata o mesmo Faro.











