Quinta xornada das festas de San Roque
A quinta xornada das festas de San Roque ven cargada de música e de actividades para todo tipo de público. Os máis cativos comezarán do día divertíndose cos xogos e obradoiros do club dos Superrroquiños que continúa na explanada do Auditorio. No terceiro e último día dos Superroquiños, os nenos e nenas de 3 a 12 anos poderán participar nun torneo de mini golf e nun Taller do Centenario, onde xogando, aprenderán algunhas cousas sobre a historia do Concello de Vilagarcía de Arousa e a súa creación fai agora 100 anos tras a fusión dos municipios de Vilaxoán, carril e Vilagarcía. Será entre as 10:30 e as 13:30 horas, e os nenos deberáne star acompañados dun adulto.
As gaitas dos terribles de Arousa encargaranse de ambientar as rúas do barrio de San Roque pola mañá e o salón gastronómico Viñagarcía abrirá outra vez as súas portas na Praza da Peixería de 12 a 15 horas. Por segundo ano consecutivo, a Rúa Arcebispo Lago volve a ser o lugar elixido para a celebración da Verbena dos Maiores, un baile destinado especialmente a este colectivo de persoas e que comezará ás 18:00 horas. O grupo Los Tres Latinos amenizará o baile no que tamén haberá unha gran chocolatada para os participantes.
Os nenos e o público familiar en xeral tamén poderán gozar dun espectáculo musical moi entrañable. Trátase do conto musicado Os Músicos de Bremen que interpretarán os compoñentes da Banda de Música e da Escola Municipal de Música Bernardo del Río. O concerto celebrarase na Rúa Alcalde Rey Daviña a partir das 21:00 horas.
Á mesma hora, ás 21:00 horas, os amantes do deporte poderán deleitarse coa exhibición de kenpo. Os integrantes do Club Kenpo Vilagarcía serán os encargados de dar a coñecer esta antiga arte marcial. O grupo de gaitas Os Xirifeiros serán os encargados de ofrecer o pasarrúas da noitiña.
O pop máis demandado polo público festivaleiro
O concerto da xornada terá como protagonista ao grupo Miss Caffeína. A formación madrileña composta por Alberto Rodríguez (voz), Sergio Sastre (guitarra e coros), Álvaro Navarra (guitarra) e Román Méndez (batería) actuarán no Parque da Xunqueira ás 23:00 horas e a entrega é libre de de balde. Miss Caffeína sacou o seu primeiro EP “Destrucción Masiva” en 2007 tendo unha excelente acollida na escana musical madrileña. Dende entón, a súa popularidade foi en aumento, e participaron en diversos festivais por votación do público.
Melodías, pop, letras elaboradas, imaxe con carácter e un potente directo son as sinais de identidade de Miss Xcaffeína que chega a Vilagarcía para interpretar as cancións do seu último disco “Carrussel”. Os temas poden descargarse gratuitamente da súa web www.misscaffeina.com, así como das plataformas dixitais de música on line como myspace ou last FM.











