Proxéctase ampliar as beirarrúas da rúa Francisco Pérez Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Concellaría de Infraestruturas proxecta a ampliación das beirarrúas da rúa Francisco Pérez Carballo, o que redundará nunha mellora da accesibilidade e a mobilidade dos peóns. O Concello dispón para esta obra dun presuposto que supera os 193.000 euros.

O departamento municipal que dirixe Martín Fernández Prado pretende con esta obra nas inmediacións do Coliseum continuar co seu plan de renovación e mellora de espazos públicos da cidade, e así os poñer ao servizo dos cidadáns ao tempo que garante unha mellora na mobilidade peonil e na accesibilidade e un aforro económico futuro nos traballos específicos de mantemento e conservación.

O presuposto para o proxecto da rúa Francisco Pérez Carballo ascende a 193.562 euros. Con esta obra, ampliarase a beirarrúa para conseguir unha maior comodidade dos usuarios e mellorar os vaos peonís para favorecer a accesibilidade. Ademais, reorganizarase o cruzamento do final da vía para que sexa máis funcional e eliminar problemas de tráfico; instalarase unha canalización de PVC; reformularanse os sumidoiros existentes e ampliarase a liña de pluviais para mellorar o servizo; e adaptaranse dúas paradas de autobús da avenida de Alfonso Molina para axustarse ás normativas europeas en materia de seguridade e accesibilidade.

O novo proxecto do departamento de Infraestructuras permitirá unha renovación integral das beirarrúas, dentro da aposta do Goberno municipal de ofrecer unha imaxe máis homoxénea da cidade, tanto a nivel estético como funcional:

. Demolición das baldosas existentes e reposición do pavimento con baldosa ornamental e con baldosa hidráulica con textura diferente para os vaos peonís e para as paradas de autobús.

. Levantado dos bordos existentes e posterior colocación de bordo novo de 15 x 30 centímetros.

. Execución de elementos novos de saneamento (colocación de tubos, selado de sumidoiros existentes e execución de pozos).

. Carga e transporte de entullos a un vertedoiro a través dun xestor autorizado.

26 de agosto de 2013 | 21:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.