Programas de conciliación da vida familiar e laboral Bos Días Cole e Tardes Divertidas no vindeiro curso
Un total de 391 nenos e nenas de Ames serán usuarios/as o vindeiro curso dos programas de conciliación da vida laboral e familiar Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Ademais, 99 nenos e nenas participarán no curso 2013-2014 no programa de psicomotricidade educativa, segundo os datos provisionais que manexa a Concellería de Educación e Servizos Complementarios do Concello de Ames, unha vez pechado o prazo para que os usuarios/as destes servizos puidesen matricularse ou renovar praza para o vindeiro curso.
Os programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas desenvólvense en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria.
En concreto, 246 alumnos e alumnas serán usuarios do programa Bos Días Cole. Este servizo, dirixido ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e ESO dos centros públicos do Concello de Ames, funciona desde as 07:30 horas ata o momento de entrada nos centros respectivos.
Por outra banda, un total de 145 nenos e nenas empregarán o servizo de Tardes Divertidas. Trátase dun programa dirixido aos nenos e nenas de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria, escolarizados nos centros educativos amienses ou empadroados no Concello. O horario deste servizo adaptase ao horario de saída do comedor escolar de cada centro educativo e remata ás 21:00 horas.
Segundo os datos da Concellería de Educación e Servizos Complementarios, todos os programas de conciliación da vida laboral e familiar incrementaron o seu número de usuarios con respecto ao curso anterior. Estes servizos teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. A eles, únese a rede de comedores escolares da que serán usuarios/as no vindeiro curso un total de 1.088 nenos e nenas de Ames.
Psicomotricidade educativa
Ademais, no vindeiro curso, 2013-2014, un total de 99 alumnos e alumnas participarán no programa de Psicomotricidade Educativa e Preventiva que se desenvolverá tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Esta actividade, que está dirixida aos nenos/as de 3 a 6 anos (etapa de educación infantil), desenvólvese nas aulas de psicomotricidade dos colexios de infantil, en Bertamiráns no CEIP A Maía e no CEIP Agro do Muíño, e no Milladoiro na escola infantil desta localidade. A actividade levarase a cabo cunha periodicidade dunha sesión semanal, cunha duración dunha hora, o longo do curso escolar. O obxectivo xeral que se persegue co programa de psicomotricidade educativa preventiva é favorecer o desenvolvemento do neno/a.











