Preto de 1700 coruñeses asistiron aos cursos gratuítos de formación ocupacional de emprego
Os cursos de formación ocupacional organizados pola área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid formaron dende o pasado mes de xaneiro a un total de 1.417 coruñeses, aos que se sumarán en breve os 274 alumnos inscritos nalgún dos 11 talleres programados para setembro.
Community Manager, Creación de Tendas Virtuais, Deseño Gráfico, Prevención de Riscos Laborais e cursos de Excel e Word forman parte da oferta de talleres que comezan o próximo mes, para os que xa non hai prazas, e cuxa duración oscila entre as 6 e as 400 horas en función da temática do curso. En total impartiranse 1.243 horas.
Os cursos de formación ocupacional da área de Emprego e Empresa son financiados polo Concello da Coruña en colaboración coa Consellería de Traballo, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación e o Fondo Social Europeo, e o seu principal obxectivo é potenciar a inserción e reinserción laboral e profesional dos que asisten a estas clases, totalmente gratuítas. A realización destes cursos, nalgúns casos, permite ademais a obtención do Certificado de Profesionalidade.
Impartidos na súa maioría no Centro Municipal de Emprego Dos rosales e nas instalacións de bombeiros do polígono da Grela, dende o seu posta en marcha a demanda non deixou de aumentar en cada convocatoria. O deseño dos cursos realízase dende a área de Emprego e Empresa en función da demanda do mercado laboral para conseguir o maior grao de inserción posible. “Intentamos adaptar os talleres ás necesidades do mercado”, explica a concelleira de Emprego, Luisa Cid, quen recorda a importancia dos “nichos de empleabilidad” á hora de deseñar a programación e tamén os itinerarios individualizados para lograr un maior índice de inserción.
Entre os talleres con maior grao de aceptación destacan os de albanelaría, soldadura, novas tecnoloxías e eficiencia enerxética. Residir no termo municipal da Coruña e estar en situación de desemprego ou mellora de emprego son algúns requisitos para poder acceder ao programa de cursos de formación ocupacional da área de Emprego e Empresa.











