publicidade hoxe

Presentación dos libros de poesía de Manuel Rodríguez Troncoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaCalendarioLocalLocal Portada
A-
A+

Manuel Rodríguez Troncoso presenta este sábado, 24 de agosto, a partir das 20:30 horas, os seus libros de poesía Luces do Atardecer e O Serán Alumeado no Salón de Plenos do Concello. O acto contará coa presenza do Alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez Alfonso, o Director e o Xerente da Editorial Ir Indo Bieito Ledo e Xelasio Suárez Santiso, o Presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero e o catedrático de CC. da Educación da Universidade de Santiago Anxos S. Porto Ucha. Na presentación tamén participará o seu amigo e prestixioso pintor cañicense Diegod e Giráldez ao que os une un profundo afecto.

Cartel anunciador e libros de poesía

Cartel anunciador e libros de poesía

MANUEL RODRÍGUEZ TRONCOSO naceu na Cañiza -Pontevedra- 1926. Estudou Medicina en Madrid (1948-1954) e exerceu esta profesión en Peranzanes, val de Fornela (León) -1956 a 1961-, en Burón, val de Valdeburón (León) -1961 a 1973-, e no Prat de Llobregat (Barcelona) -1973 a 2006-. Despois de xubilarse en 1991 como Médico Titular do Estado, se dedicou á arte da pintura e da literatura, ademais de continuar exercendo a medicina privada ata os 79 anos de idade.

Cañicense de nacemento reside habitualmente no Prat de Llobregat, pero aproveita todos os veráns para reencontrarse co seu pobo natal, Oroso, pequena parroquia da vila da Cañiza, onde Manuel conserva grandes amizades.

É autor de RELEMBRANZAS (1987), LONXE (1992), libros de poesía, RAÍCES RURAIS (1996), CHAMA ACESA-NOELIÑA (2000) novelas costumistas do medio rural galego, publicados por Ediciós do Castro; da novela de ciencia ficción A VIDA FLOR DAS GALAXIAS (1999) e do libro de aforismos CELME E VIDA (2002), editados os dous por Rúbrica Editorial; da HISTORIA DUNHA ALDEA GALEGA, editada por Ir Indo (2004). Estes dous últimos foron gravados en Sistema Daisy para os invidentes da ONCE.

Ademais foi colaborador do libro ALÉN DOMINGO AZUL, Ediciós do Castro (unha ducia de poetas galegos en Catalunya) dirixido por Xosé-Lois Garcia (1999). É así mesmo autor dunha síntese biográfica do DR ROF CODINA, ALBEITE EXEMPLAR, (Rúbrica Editorial) 2007; dun MÉDICO RURAL NO SÉCULO XX (nas montañas de León) historia autobiográfica editada por Ir-Indo (2009); de CONTOSE LERIAS E REXOUBAS (2009) editado por Ir Indo; e de LUCES DO ATARDECER (2.013) y”O SERÁN ALUMEADO” (2.013), libros de poesía.

Escribiu na revista “Alborada” do Centro Galego de Barcelona, no xornal “Delta do LLobregat”, nas revistas “Vento do Leste” da Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya, en “A Palloza” da Agrupación Cultural Galega “Agarimos” de Badalona; e en “Galicia en Madrid”, revista de Letras e Artes Galaico-Hispánicas. Hai libros seus nas Bibliotecas do Instituto Cervantes de Bruselas, Amsterdan, Moscú e Atenas; na Audio-biblioteca (sistema Daisy) e na Biblioteca Braille da ONCE.

Ten entradas o seu nome en tres dicionarios: Dicionario de escritores en lingua galega, Edición do Castro 1990; no Dicionario de Literatura Galega, Editorial Galaxia 1996-2002; e na Enciclopedia Galega Universal, Editorial Ir Indo 1999-2002.

É autor dun fresco de 5 x 2 m. pintado na Igrexa Parroquial de Nª. Sr.a da Mercè de El Prat (ano 2008) e dun Importante número de cadros de pintura, que expuxo en diferentes salas de Cataluña. É membro do Real Círculo Artístico de Barcelona, Instituto Barcelonés de Arte. Unha mostra da súa obra plástica está exposta a través de Internet no blog: http://www.rodrigueztroncoso.blogspot.com, xuntamente coa lectura a viva voz de varios apartados do seu libro HISTORIA DUNHA ALDEA GALEGA lidos por un experto da ONCE.

Unha das súas obras máis queridas é quizais HISTORIA DUNHA ALDEA GALEGA, ambientada nunha pequena aldea da parroquia cañicense de Oroso, coñecida como Guntín, lugar de nacemento do autor. Segundo Ramón Villares, autor do prólogo da obra, “… o libro é unha fartura de información. A aspiración do autor foi dar conta de todo canto acontecía na aldea nos tempos da súa infancia e mocedad. Un dos principais méritos da obra é que mostra unha aldea galega en pleno funcionamento, nunha altura histórica na que a aldea seguía sendo o eixe vertebrador xa non só da Galicia rural, senón tamén de toda Galicia. Os seus recordos permítenlle reconstruír as familias, as casas, os agros, os traballos, as festas, as mortes, as enfermidades e as alegrías, os nomes das árbores e dos animais, os antepasados e os herdeiros, as pobres caseiras e os mestres e médicos… “.

No prólogo o profesor Villares continúa dicindo “…la descrición da aldea de Guntín ( e dalgunhas veciñas) achéganos, por vía de feitos, comportamentos individuais a argumentos contundentes sobre a natureza e funcionamento de calquera aldea galega de mediados do século XX. O que puidese parecer un relato simplemente local é, en realidade, unha perfecta ilustración da evolución xeral de Galicia, aínda que neste caso sexa vista a través do microscopio de Guntín na Cañiza… “.

21 de agosto de 2013 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.