publicidade hoxe

Pontedeume presenta a nova guía turística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanasFeneLocalPontedeume
A-
A+

O deputado provincial Antonio Cañás asistiu esta tarde en Pontedeume á presentación da nova guía turística que editou este ano a institución provincial nun formato moi manexable e cunha descrición concisa dos lugares de maior interese tanto na vila dos Andrade como nos concellos de Fene e Cabanas.   

Durante a presentación, celebrada na Casa de Cultura coa presenza do alcalde Gabriel Torrente e a concelleira de Turismo, María del Carmen Piñeiro, Cañás salientou a importancia deste tipo de guías porque, explicou, “debuxan perfectamente a riqueza desta real vila e os lugares que están obrigados a coñecer todos os que visiten Pontedeume”.

Como lugares “de obrigado coñecemento” citou, entre outros, o Torreón, o Castelo dos Andrade, a ponte de pedra, o antigo convento de San Agustín, ou o pazo do Arcebispo Raxoi que, segundo apuntou, “son símbolos dunha vila, pero tamén dunha época moi importante para este municipio porque representa o significado de Pontedeume na historia de Galicia”.

Do mesmo xeito, falou da riqueza natural que ofrecen contornas como o Parque Natural das Fragas do Eume ou o monte de Breamo e aludiu á importancia de que “tres concellos se uniran para promover de xeito conxunto os seus recursos turísticos”.

“Esa forma de traballar é a que defendemos desde a Deputación da Coruña: que os concellos compartan servizos, que minimicen gastos á vez que optimizan os seus recursos, e que camiñen xuntos na procura dun fin común”, finalizou o deputado responsable da área de Turismo, non sen antes animar os veciños “a presumir ante quen sexa da grande riqueza que tedes que ensinar”.

24 de agosto de 2013 | 00:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.