Ponte Caldelas organiza unha visita guiada ao petroglifo da Pedra do Cervo en Cuñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
Pedra do Cervo

Pedra do Cervo

O Concello de Ponte Caldelas organiza para este sábado ás 19 horas unha visita guiada ao petroglifo da Pedra do Cervo, situado na parroquia de Cuñas, baixo a dirección de Boaventura Aparicio Casado, doutor en Historia, e perfecto coñecedor da arte rupestre en Galicia.

Esta visita guiada partirá ás 19 horas dende a igrexa de Santa Baia e discorrerá por unha ruta que servirá de introdución aos participantes nesta iniciativa coa que se quere dar a coñecer unha das pezas máis importantes da arte rupestre do municipio, que está a ser obxecto dun proceso de recuperación e posta en valor polo Servizo de Arqueoloxía da Deputación, en colaboración co Concello de Ponte Caldelas.

A Pedra do Cervo é un petroglifo situado no monte de “Pé da Mua” que, a pesar dos anos e a acción do home e a climatoloxía, se mantén en perfecto estado de conservación e cunha moi boa definición que pode ser apreciada a simple vista polo visitante.

Así mesmo, segundo Boaventura Aparicio, a beleza do gravado e o misticismo que transmite servíronlle de indulto ante a acción destrutiva dun canteiro anónimo que iniciou no seu día traballos de perforación na pedra, pero ao decatarse das graves consecuencias da súa actuación, decidiu cesar no seu empeño para que puidesen gozar deste cadro pétreo as xeracións futuras.

Boaventura Aparicio aproveitará a visita para tratar o mundo da simboloxía na prehistoria galaica e realizará unha pequena introdución sobre a arte rupestre da que Ponte Caldelas conserva unha enorme e variada representación no conxunto arqueolóxico de Tourón, un dos máis importantes e vistosos de Galicia.

29 de agosto de 2013 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.