Pleno extraordinario para o mércores 14 de agosto
Este mediodía foi asinada a convocatoria dun pleno extraordinario urxente para este mércores, 14 de agosto, ás 10 h, que incluirá entre os puntos da orde do día a ratificación da urxencia da convocatoria e un expediente de modificación de créditos, modalidade créditos extraordinarios, e suplementos de crédito 2P/2013. Esta modificación permitiría ao Concello de Ourense realizar inversións en infraestruturas e termalismo, amortizar a débeda por importe de 6,2 millóns de euros, e apoiar a 42 entidades ourensanas.
Os grupos políticos da oposición (PP, BNG e DO) votaron en contra da ratificación da urxencia da convocatoria da comisión de pleno desta mañá, polo que non se chegou a celebrar. Así o expediente de modificación de créditos está incluído entre os puntos da orde do día do pleno sen ditaminar, e se debatirá directamente a proposta do concelleiro de Economía e Facenda.
A aprobación da modificación de crédito será debatida para a súa aprobación inicial e exposición pública polo prazo de 15 días hábiles, durante os que cales os interesados poderán examinalo e presentar as reclamacións que estimen oportunas. O expediente considerarase definitivamente aprobado se non se presentaran reclamacións.
Investimentos urxentes en infraestruturas e termalismo e apoio a 42 entidades
O expediente ascende a un total de 8.664.534,24 euros, que se destinarán a dar apoio a 42 asociacións e entidades que desenvolven o seu labor na cidade, acometer investimentos urxentes en melloras de infraestruturas e termalismo e amortizar anticipadamente débeda municipal.
O goberno municipal presenta esta modificación coa finalidade de afrontar gastos que permitirán dar apoio a entidades, na súa maioría relativas á sáude e o benestar social, xunto con convenios con diferentes entidades (673.237,55 euros) afrontar investimentos urxentes en materia de infraestruturas na cidade e perímetro rural (664.000), acometer as expropiacións necesarias para desenvolver o Ben de Interese Cultural das Burgas (1.050.000), e amortizar débeda (6.262.521,92 euros).
O expediente de modificación de crédito conta co preceptivo informe de intervención, avaliando o proxecto dende unha dobre perspectiva: a normativa de xestión orzamentaria e os preceptos relativos á estabilidade orzamentario e a regra de gasto.











