Pleno extraordinario o xoves 22 de agosto por mor da ampliación da Escola Infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A Corporación Municipal da Laracha reunirase o próximo xoves, día 22 de agosto, nunha sesión extraordinaria do Pleno na que o único punto da orde do día será elevar a definitiva a aprobación da modificación do estudo de detalle do ámbito dotacional remitido a ordenación especial OE-L1, referido á parcela na que se sitúa a escola infantil pública da Laracha, incluída na rede A Galiña Azul. O asunto será tratado o luns pola Comisión Informativa de Réxime Interior, Persoal, Medio Ambiente, Servizos Municipais e outros asuntos do Pleno, que está presidida polo edil José Manuel Iglesias Rodríguez.

Unha vez superado o prazo de exposición pública sen ter recibido ningunha alegación, o Concello da Laracha finalizará este trámite administrativo necesario para acometer o proxecto de ampliación da escola infantil. No caso de alcanzarse o acordo plenario, e unha vez sexa publicado o mesmo nos diarios oficiais, a Xunta de Galicia estará en disposición de iniciar o proceso de contratación das obras, valoradas nuns 400.000 euros, sendo financiado o corenta por cento das mesmas con fondos municipais e a parte restante, pola Consellería de Traballo e Benestar con cargo ao Plan Educa3.

A modificación do estudo de detalle ten por finalidade reordenar e adaptar o solo do ámbito para poder acometer a ampliación da escola infantil. A solución proposta polo goberno local non altera nin as características nin a superficie da parcela (4.636 m2). pero permitirá aumentar a ocupación de terreos, cuestión imprescindible para a creación do novo edificio. Ademais, o reaxuste das aliñacións establecen un incremento da anchura da rúa en beneficio dos espazos destinados a aparcamentos e accesos á instalación.

O proxecto de ampliación da escola infantil contempla a construción dun novo edificio con tres aulas e espazos educativos complementarios, creándose 41 novas prazas para unha capacidade total de 115 usuarios, que son nenos de ata tres anos de idade.

17 de agosto de 2013 | 21:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.