Paula Rojo actuará na conmemoración do día da xuventude en Ferrol
A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, presentou hoxe os actos conmemorativos do Día Internacional da Xuventude –que oficialmente se celebra o 12 de agosto- que ten organizado o seu departamento. Unha programación que, como sinalou a edil, combina o lúdico e o formativo.
Así, o aspecto de ocio e divertimento do Día da Xuventude centrarase nun concerto de música gratuíto que terá lugar o vindeiro mércores, día 14 de agosto. A artista convidada é Paula Rojo, concursante no programa de televisión La Voz, que presentará en Ferrol o seu traballo discográfico “Érase un sueño”. O concerto desenvolverase na zona do porto e dará comezo ás 22.00 horas. Entre os temas que interpretará Paula Rojo estará o seu grande éxito “Solo tú” , que ten rexistradas máis de catro millóns de visitas en Youtube.
Ademais deste gran concerto, o programa do Día da Xuventude complétase cun curso de condución segura que a Concellería que dirixe Casal Míguez levará a cabo en colaboración con Escudería Ferrol. Este curso, que se enmarca tamén nas actividades do Rallie de Ferrol e que contén unha parte teórica e outra práctica, se desenvolverá o sábado 17 de agosto nas instalacións do recinto feiral de Punta Arnela (FIMO), en horario de 12.00 a 14.30 horas (teoría) e de 16.30 a 20.00 horas (práctica). Esta acción formativa pretende fomentar unha condución responsable e segura entre a mocidade, e está dirixida a menores de 35 anos. O curso é gratuíto e o número de prazas dispoñibles é de 100. As persoas interesadas en inscribirse ou en obter máis información deben poñerse en contacto coa Escudería Ferrol.











