Ourense investirá 300.000 euros na mellora do Pavillón dos Remedios e nas piscinas municipais de Oira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Comisión de Pleno desta mañá, deu o visto bo á inclusión do expediente “modificación orzamentaria de créditos extraordinarios 5P/2013 por medio de aplicación do remanente de tesourería” no próximo pleno de setembro, que se celebrará o vindeiro venres, día 6. O expediente consiste na execución de dúas actuacións de mellora nas instalacións deportivas municipais, nas que se investirían un total de 305.000 euros, procedentes do remanente de tesourería resultante da liquidación do Orzamento do Consello Municipal de Deportes do 2012.

Por unha banda, 162.000 euros se destinarán á reforma das piscinas municipais de Oira, consistentes na creación dunha nova piscina infantil e o aproveitamento do espazo da actual para a plantación dunha zona de céspede. Deste xeito, a nova piscina quedaría máis alonxada da piscina de adultos que a actual, aportando maior seguridade aos usuarios e usuarias. Esta actuación incluirá a reforma e ampliación dos vestiarios.

Os restantes 142.000 euros destinaranse a obras de deshumidificación e climatización da Piscina Pedro Escudero (25 metros), que resolva os problemas actuais de humidade, e mellore a calidade do aire e a temperatura de dita piscina, similar á obra realizada na piscina Rosario Dueñas (50 metros).

Este punto contou cos votos favorables de PsdeG PSOE e DO, a abstención do PPdeG e o voto en contra do BNG.

Os seguintes asuntos serán tamén incluídos na orde do día do pleno do vindeiro venres, día 6 de setembro, para a súa aprobación:

Aprobación definitiva do estudo de detalle da Finca Mariñamansa: A Comisión de Pleno ditaminou favorablemente, cos votos a favor do PSdeG- PSOE e a reserva de voto dos grupos municipais do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e Democracia Ourensana, elevar ao pleno a aprobación definitiva do “Estudo de detalle do ámbito 12 (AR 39-E)”, na Finca de Mariñamansa, relativo á ordeación da urbanización no que respecta á categorización e reordenación nas plataformas nas que se ubicarán nos edificios de vivendas que contempla o proxecto orixinal, así coma os accesos ás mesmas e aos garaxes. A aprobación do estudo de detalle é posible gracias á aprobación da Ordeación Provisional, anulado o PXOM do ano 2003 por sentencia do Tribunal Supremo e fixa definitivamente o sistema que debe regular a construcción das edificación nesta área, en aras dunha ordeación urbanística racional, eficiente e coherente.

Expediente de modificación de créditos, modalidade créditos extraordinarios e suplementos de crédito 2 P/2013: O expediente ascende a un total de 8.664.534,24 euros, que se destinarán a dar apoio a 42 asociacións e entidades que desenvolven o seu labor na cidade, acometer investimentos urxentes en melloras de infraestruturas e termalismo e amortizar anticipadamente débeda municipal. A proposta foi ditaminada favorablemente para elevar ao Pleno cos votos favorables do PSdeG PSOE, e a reserva do voto do PP, BNG e DO.

O goberno municipal presenta esta modificación coa finalidade de afrontar gastos que non deben demorarse, e que permitirán dar apoio a entidades, principalmente ONG que traballan no terreo da sáude e o benestar social, xunto con convenios con diferentes entidades (673.237,55 euros) afrontar investimentos urxentes en materia de infraestruturas na cidade e perímetro rural (664.000), acometer as expropiacións necesarias para desenvolver o Ben de Interese Cultural das Burgas (1.050.000), e amortizar débeda (6.262.521,92 euros).

A modificación ascenderá a un total de 8.664.534,24 euros en subvencións, inversións e amortización de débeda

O desglose dos 3 capítulos que contén a modificación é o seguinte:

1 Gastos orixinados por subvencións nominativas que se veñen contemplando con carácter repetitivo nos orzamentos do Concello e que financian actuacións de carácter fundamentalmente social levadas a cabo por institucións sen ánimo de lucro. Estas dotacións orzamentarias facilitarán o normal funcionamento destas intitucións. Estas subvencións, pola súa propia natureza, non son prorrogables, de acordo coa lexislación vixente. Por este motivo, é preciso tramitar unha modificación orzamentaria que lles dé cobertura. Inclúense aquí un total de 42 convenios e acordos de colaboración, con:

a) Asociacións do ámbito da saúde e o benestar social: Irmás dos anciáns desamparados, Aixiña, Asociación de familiares enfermos de Alzheimer, Cruz Vermella, Aspanas, Agrupación de Xordos de Ourense, Discafis, Morea, Asociación diabética Auria, Cáritas Diocesanas, Asociación de amas de casa e consumo, Cadabullo, Asociación de Fibromialxia, Asonffaa, Spes, Asociación de formación de adultos, Asociación contra o cancro, Hemofilia, Alcer, Esclerose Múltiple, Asociación de Discapacitados Ourense, ATOX, Abeiro, Proxecto Home, Comié AntiSIDA, Síndrome de Down e Aspanas Termal.

b) Subvencións á Camara de Comercio e centros comerciais abertos e taxis adaptados a minusválidos, achega para o programa Cultura UE da EHTTA, e convenios con Liceo, Ateneo, Universidade de Vigo (Master DUMA), produtora Vía Láctea, Amencer (Campamento urbano), Federación Limiar, Agrupación Miño, Federación de ANPAs, e Seminario Galego para a Paz. Tamén se inclúe o convenio coa Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Diócese para a rehabilitación da capela dos Remedios, cunha achega de 100.000 euros.

Todos estes gastos, por importe de 673.237,55 euros, financiaranse coa baixa de créditos en partidas do Capítulo 1 (Persoal), cuxas dotacións poden ser minoradas sen perturbación dos servizos aos que dan cobertura.

2. Cinco aplicacións orzamentarias xestionadas pola Concellería de Infraestruturas para posibilitar a realización de actuacións urxentes en perímetro rural, infraestruturas viarias urbanas, ampliación e mellora do alumeado público, compra de maquinaria e un camión de carga con pluma. Estes créditos, por un total de 664.774,77 euros fináncianse con cargo a baixas noutras partidas cuxas dotacións á Concellería considera que deixaron de ter utilidade por estar rematados os proxectos que con cargo a elas estaba previsto levar a cabo.

Entre as obras destacan o acondicionamiento de viarios urbáns en mal estado na rúa da Capela e a rehabilitación da Praza de Santo Agostino, ambas en Eirasvedras, a renovación de beirarrúas na rúa Rábeda no Cumial, na rúa da fonte en Santa Mariña e a adecuación do Camiño Real en Cudeiro e o acondicionamento da pista principal de Lodeirós en vilar de Astrés, entre outras e a renovación das luminarias de alto consumo nos parques e xardíns da cidade.

Tamén se inclúe neste bloque a partida do Plan Especial BIC As Burgas, da Concellería de Urbanismo, para poder levar a cabo as expropiacións que se precisan dentro deste plan como paso previo para rematar o desenvolvemento desta área. O crédito que se dota 1.050.000 euros finánciase utilizando unha parte do remanente de tesorería para gastos xerais posto de manifesto na liquidación do orzamento de 2012, que ascende a 27.499.748,38 euros.

Ademáis, a liquidación do orzamento de 2012 recentemente aprobada pon de manifesto a existencia dun superávit non financiero na liquidación consolidada dos orzamentos do Concello e do Consello Municipal de Deportes, que ascende a 6.276.521,92 que se destinará a amortización anticipada de débeda.

30 de agosto de 2013 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.