Ourense apoia as actividades dirixidas á mocidade con subvencións por valor de 18.000 euros
O Concello de Ourense destinará unha achega de 18.000 euros a unha convocatoria de axudas dirixidas a asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á mocidade para desenvolver actividades dirixidas aos mozos ourensáns. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión desta semana, a convocatoria destas axudas, que darán apoio a programas e actividades xuvenís que se desenvolvan na cidade.
A convocatoria conta cun orzamento de 18.000 euros e tódolos interesados poderán presentar as súas solicitudes, a través do Rexistro Xeral do Concello de Ourense, nun prazo de 20 días naturais dende o seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
As axudas enmárcanse no obxectivo da Concellería de Xuventude de fomentar a participación xuvenil dentro dos diferentes ámbitos sociais, facilitando o desenvolvememento destas actividades. Poderán acollerse ao programa as asociacións xuvenís e outras entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos á xuventude, ou aquelas que poidan acreditar a existencia dunha sección xuvenil nos seus estatutos ou canles de actuación, e que estean inscritas no Rexistro de asociacións do Concello de Ourense
As solicitudes de subvención presentaranse a través dun modelo que se poderán solicitar na Concellería de Xuventude ou descargar da páxina web do Concello de Ourense. Os solicitantes deberán detallar, entre outros datos, os proxectos de actividades a desenvolver para as que se solicita subvención, e o seu correspondente orzamento.
As axudas tramitaranse en concurrencia competitiva, tendo en conta como criterios de valoración a calidade do proxecto (ata 5 puntos), a viabilidade (ata 5 puntos), a implicación nos programas da Concellería de Xuventude (5 puntos), o número de destinatarios (ata 3 puntos) e o emprego da lengua galega e da linguaxe non sexista (ata 2 puntos).











