Os “superroquiños” regresan para facer as delicias dos máis pequenos nas festas de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A terceira xornada das festas patronais de San Roque chega repleta de actividades musicais e para os nenos. A oferta matutina estará dedicada aos máis cativos co inicio dunha nova edición do club dos Superroquiños, aínda que a música será a nota dominante do día con concertos de acordeón, da Banda de Música e da cantante Alexandra Carrera.

A explanada do Auditorio será o lugar onde se desenvolvan este ano as actividades do Club dos Superroquiños. Organizado pola Concellería de Xuventude, os cativos poderán divertirse coas actividades e xogos programados durante tres xornadas consecutivas en horario de 10:30 a 13:30 horas. Monitores especializados na animación infantil serán os encargados de dirixir as actividades nas que poderán participar nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Aínda que haberá monitores, os nenos terán que estar acompañados dunha persoa adulta que se faga responsables dos mesmos.

Gymkana do Centenario

A participación no club dos superroquiños é libre e de balde e non fai falta inscribirse previamente. Con só achegarse ata a explanada do Auditorio, os cativos poderán tomar parte dos obradoiros e actividades a realizar. Para a xornada do luns están programado un obradoiro de chapas e unha gymkana do Centenario, na que organizaranse varios grupos para competir mediante a realización de xogos, probas de rastreo e probas de preguntas que deberán ir superando para completar un percorrido e ser os gañadores da gymkana. Tamén haberá música de ambiente e inchables.

Concerto X Aniversario da Banda de Música

A primeira das actuacións musicais do día celebrarase na Baldosa a partir das 13 horas e correrá a cargo da Asociación Cultural Amigos do Acordeón Rías Baixas.

A música continúa pola noitiña co concerto especial que ofrecerá a Banda de Música de Vilagarcía para conmemorar o décimo aniversario da súa reconstitución e da súa presentación o 12 de agosto de 2003. Será na Rúa Rey Daviña  e comezará ás 22:00 horas para darlle tempo á xente a chegar con tempo da praia e asistir á cita musical. Para conmemorar estes dez anos de traballo, á formación que dirixe Jesús Nogueira fará un repaso nas obras que representaron un fito nesta nova andaina da Banda de Música de Vilagarcía, desde a súa presenza en concursos, á gravación dun disco, os contos musicados, etc… O concerto acompañarase dunha pequena exposición de carteis, vídeos e outras lembranzas desta década.

A festa trasladarase posteriormente á Rúa da baldosa onde terá lugar a actuación da xoven vilagarciana, Alexandra Carrera, a representante do Salnés no concurso de canción “Recantos” do programa Luar da TVG. Estudiante de interpretación na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, Alexandra ademais de cantar, tamén baila. Ten participado en numerosos musicais e concursos de canción, incluído o programa “Tú sí que vales”, de Telecinco.

11 de agosto de 2013 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.