Os Servizos Sociais coruñeses analizan as cinco propostas presentadas á xestión do servizo de teleasistencia
O Concello da Coruña informa de que se abriron as ofertas técnicas presentadas ao concurso de xestión do servizo municipal de teleasistencia -convocado mediante procedemento aberto-. Cinco empresas optan a este programa para o que a Concellaría de Servizos Sociais reserva un presuposto de 245.000 euros anuais e que permitirá unha atención individualizada e un contacto permanente coas persoas máis vulnerables, que viven soas ou con certo nivel de soidade.
A licitación deste programa forma parte do compromiso do Goberno local de garantir o benestar social e a calidade de vida dos coruñeses. Neste caso concreto, o servizo de teleasistencia permite que os usuarios poidan poñerse en contacto os 365 días do ano cun centro de atención de chamadas, que dispón de persoal especializado, para resolver as necesidades que acontezan en calquera momento. Ademais, mobilizaranse os recursos precisos para que as persoas poidan seguir vivindo no seu ámbito habitual.
O proxecto municipal de teleasistencia diríxese con especial atención a persoas dependentes, maiores de 65 anos con especial vulnerabilidade -que vivan sós ou en compañía doutra persoa de similares características- e minusválidos. O Concello sacou a concurso este servizo mediante procedemento aberto para favorecer a participación de todas as empresas interesadas e a igualdade de oportunidades. Unha vez analícense as cinco ofertas presentadas en tempo e forma e adxudíquese definitivamente o servizo, a empresa deberá empezar a traballar o 28 de febreiro de 2014 por un período de dous anos, aínda que prorrogable por dous máis.
O investimento estimado pola área de Servizos Sociais é de 245.063 euros ao ano, pois a previsión é atender a un número aproximado de 950 persoas. Non obstante, se o departamento que dirixe Miguel Lorenzo constata a necesidade de atender a máis usuarios e incrementar o número de prazas, o Goberno local incrementará o presuposto reservado para este programa de teleasistencia ata cubrir toda a demanda.
O contacto co centro de atención estará garantido de forma ininterrompida durante as 24 horas do día a través dunha liña telefónica ou outra tecnoloxía. Este servizo municipal, ademais, serve como modelo de acompañamento personalizado con chamadas periódicas o usuario. En concreto, no prego técnico do contrato establécese que a frecuencia mínima de chamadas será semanal e tamén se poderá realizar unha atención persoal por iniciativa do xestor do servizo, da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo ou a petición dos propios usuarios.











