Os propietarios do edificio en ruínas do Castro comprométense a resolver os problemas de seguridade e hixiene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde mantivo unha reunión cos responsables da inmobiliaria madrileña que mandarán aos seus técnicos a inspeccionar o inmoble e determinar as actuacións a acometer

O alcalde, Tomás Fole reunise esta fin de semana cos responsables da inmobiliaria madrileña propietaria do edificio da Praza do Castro que se atopa en estado ruinoso para expoñerlles a situación de inseguridade que representa esta situación de abandono e tamén os problemas de hixiene que se dan polo acumulación de lixo no seu interior. Froito do encontro, os propietarios comprometéronse a adoptar as medidas precisas para resolver ámbalas dúas circunstancias.

A xuntanza mantívose a instancias do rexedor e pola preocupación que existe tanto no seo do goberno local como da veciñanza pola crecente perigosidade que supón o mal estado do edificio que ten fachada ao Praza do Castro e a Avenida da Mariña e que sofre frecuentes desprendementos. De feito, xa so quedan as fachadas en pé, posto que o tellado desplomouse por completo hai máis dun ano. Aparte dos riscos que supón a entrada de indixentes e drogodependentes ao inmoble, a situación agrávase pola acumulación de lixo e maleza no seu interior, o que tamén xera un foco de insalubridade.

Fole Díaz expuxo todos estes aspectos aos representantes da inmobiliaria Invergar Marvil S.L., que comprenderon a preocupación existente e se comprometeron a adoptar medidas para resolver a situación. De feito, comunicaron que a vindeira semana enviarán aos seus técnicos para que inspeccionen o edificio e concreten as actuacións a executar de xeito inmediato para garantir a seguridade e salubridade.

Segundo explicaron ao rexedor os empresarios madrileños, polo de agora esta é a única actuación que poden levar a cabo xa que a situación inmobiliaria global supón un obstáculo importante á hora de tratar de construír ou vender tanto en Vilagarcía, como no resto de propiedades que teñen distribuídas pola xeografía nacional. Non obstante, aseguraron que darán un trato prioritario ao edificio do Castro e sondarán as posibilidades existentes no mercado para unha posible rehabilitación.

O que si aseguraron que se realizará de xeito inmediato foron as actuacións para garantir a seguridade na zona mentres non se lle atope outra saída ao edificio do Castro.

O edificio do Castro leva varios anos en mal estado, deteriorándose de xeito progresivo e incrementando os riscos para a seguridade dos peóns. Ademais, trátase dun inmoble incluído no catálogo de bens municipais e que forma parte da Área Integrada de Rehabilitación do casco vello de Vilagarcía. A situación de abandono do inmoble propiciou a apertura de expedientes, o `primeiro no ano 2009, acumulando ata o momento unha suma de 54.400 euros en concepto das sancións reiteradas e coercitivas que se lle foron impoñendo nestes anos.

26 de agosto de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.