Os participantes no campamento infantil de Teo saen cara Oleiros

Grupo do campamento infantil
Un ano máis os rapaces e rapazas de Teo vanse de campamento. Os e as inscritos no Campamento Infantil do Concello de Teo saíron cara Santa Cruz, Oleiros, onde van pasar os vindeiros nove días.
Partiron este luns, día 19, ás 9.30 horas de diante da Casa do Concello, onde, antes de subir aos correspondentes autobuses, foron despedidos polos seus familiares e realizaron unha foto de grupo. Teñen previsto o seu retorno xunto cun zurrón cheo de experiencias para o vindeiro martes 27 de agosto.
Preto de cen rapaces con idades comprendidas entre os 7 e os 13 anos gozarán duns días de lecer no período estival, onde conxugarán actividades de aventura como o tiro con arco, escalada, canoas, orientación, sendeirismo, BTT…, deportivas como xincanas olimpíadas, baile, xogos populares, loita…, intercaladas con obradoiros, saídas e veladas, así como con outras actividades de tipo educativo e ambiental.
O Concello de Teo continúa organizando esta actividade para os máis novos que xa é un clásico do verán teense entre os máis novos e, se nos últimos días foron os máis maiores os que gozaron do campamento xuvenil, agora é a quenda para os máis novos no Infantil.
Os campamentos xeran un espazo de convivencia entre os mozos e mozas teenses que aproveitan as actividades lúdicas e de lecer para interactuar entre eles e coñecérense mellor.











