Os participantes do obradoiro de prevención de abandono escolar convértense en monitores do campamento municipal

Participación como monitores dos xóvenes de AproveiteMos o Verán
Os 12 participantes no obradoiro de prevención do abandono escolar, AproveiteMos o Verán fixeron hoxe de monitores por un día cos 20 nenos e nenas da cuarta quenda das Mañás de Verán.
Esta ducia de alumnos de 3º e 4º cursos da E.S.O. encargáronse de deseñar e organizar unha serie de actividades e xogos que puxeron na práctica ó longo desta mañá nas instalacións do Colexio de Sanguiñeda, Mestre Valverde Maio, facendo as veces de monitores dos cativos participantes nas Mañás de Verán. O obxectivo desta iniciativa, segundo explicou a concelleira de Educación e Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, que se achegou esta mañá ata Sanguiñeda para visitar ós rapaces e rapazas, “é a estimulación dos mozos do obradoiro AproveiteMos o Verán, facéndolles sentir responsables dos nenos máis pequenos que eles, ós que dar pautas, normas de xogo e comportamento; e estimulando a súa capacidade de inventiva e imaxinación para idear xogos e ser capaces de explicarllos ós cativos”.
Os mozos do obradoiro de prevención do abandono escolar atópanse xa na recta final da actividade AproveiteMos o Verán, xa que os 12 presentaranse a vindeira semana ós exames de recuperación das asignaturas suspensas durante o pasado curso escolar, tras os cales farán unha autoevaluación en grupo xunto coas súas monitoras da OMIX, dándose por concluída así esta iniciativa estival.
Pola súa banda os pequenos das 4 quendas das Mañás de Verán, 124 en total, reuniranse mañá de 12.00 horas a 14.00 horas no C.E.I.P. de Sanguiñeda para celebrar, acompañados dos monitores e dos seus nais e pais, unha festa de despedida; xa que mañá remata a cuarta quenda deste campamento matutino estival e dase por finalizada a iniciativa por este ano, reunindo nunha celebración a tódolos seus participantes.
AproveiteMos o Verán
O pasado día 4 de xullo 12 alumnos e alumnas de centros educativos mosenses iniciaron un proxecto pioneiro nesta localidade que, baixo o título de AproveiteMos o Verán, pretende fomentar a reducción do abadono escolar entre a población estudiante de Mos. Dende a concellería de Educación mosense que dirixe a edil Kely Monzón presentouse na Xunta de Galicia o programa, para o que lle foi finalmente concedida unha subvención coa que financialo e gracias á cal se está a levar a cabo actualmente.
O programa AproveiteMos o Verán consiste en talleres de recuperación do alumnado de secundaria que presenta malos resultados académicos ou desmotivación para o estudo. As actividades destes obradoiros contan con Coaching educativo e intelixencia emocional e coa implantación dun Programa Escolar & Coaching para os pais. AproveitaMos o Verán é un programa para o fomento da motivación cara á actividade do estudo e o uso axeitado das técnicas que permiten acadar o éxito académico.
Este programa vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º curso da etapa da Educación Secundaria Obrigatoria (escolarizados nestes niveis no curso académico 2012/2013), ou a aquel que curse algún Programa de Cualificación Profesional Inicial, e que este preferentemente empadroado no Concello de Mos.
O programa lévase a cabo en 15 sesións, de 90 minutos cada unha, ao longo dos meses de xullo e agosto. Estas sesións teñen lugar en horario de mañá, de 10:00 a 11:30 h. A actividade desenvólvese nas aulas do Auditorio Multiusos As Pozas do Concello de Mos e é totalmente gratuíta.
Dentro da axuda concedida pola Xunta de Galicia ó Concello de Mos, tamén se emprenderon outras liñas de loita contra o abandono escolar, ademais da iniciativa mencionada, AproveiteMos o Verán. Todas elas se atopan englobadas no programa da concellería mosense de Educación e Participación Cidadá, denominado ApoiáMoste.
Mañás de Verán
Esta iniciativa vai dirixida a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Os obxectivos das Mañás de Verán son facilitar a conciliación da vida laboral e familiar no período de vacacións escolares, promover a calidade de vida dos nenos/as de Mos e das súas familias, potenciar a educación en valores e hábitos saudables, favorecer o coñecemento da diversidade e riqueza natural do noso entorno e facer deste proxecto unha experiencia divertida e inesquecible para os rapaces e rapazas de Mos.
As actividades distribuíronse en 4 quendas: a 1ª quenda foi do 1 ao 15 de xullo (ambos inclusive), a 2ª quenda comezou o 16 de xullo e rematou o 31 de xullo, a 3ª quenda foi do 1 agosto ao 16 de agosto (ambos inclusive) e 4ª quenda do 19 ao 30 de agosto (ambos inclusive).











