Os nenos e nenas do Campamento da Lanzada disfrutan da presentación oficial de Mexi-Llón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalPontevedraProvinciasVigo
A-
A+
Presentacion do Mexi-Llón

Presentacion do Mexi-Llón

Os nenos e nenas que estes días participan nos Campamentos da Lanzada recibiron hoxe a visita de Mexi-Llón, a mascota oficial da Volta Ciclista a España, que elixiu este privilexiado contorno para facer a súa presentación oficial.

Fíxoo da man do presidente da Deputación, Rafael Louzán, do director de Unipublic, Javier Guillén, dos deputados provinciais Begoña Estévez e José Luis Pérez; do presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde, e do alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez.

Esta é a primeira vez, nas súas 68 edicións, que a Volta Ciclista a España conta con mascota oficial: un mexillón das Rías Baixas que gusta do ciclismo e en torno ó cal se crearon múltiples materiais coma un conto deseñado por Pepe Carreiro e que permitirá promover o destino provincia de Pontevedra-Rías Baixas por toda España e dar a coñecer un dos produtos máis representativos das Rías Baixas e de Galicia como é o mexillón.

Mexi-Llón foi moi ben recibido polos nenos e nenas do campamento, que quixeron departir e, incluso, bailar con el. Así o fixeron tanto ó principio como ó final da presentación, na que tanto o presidente da Deputación coma o director de Unipublic animaron os pequenos a sumarse á festa da Volta e a practicar deporte.

Marco ideal

Nesta liña, Rafael Louzán considerou que cando se decidiu facer esta presentación no centro vacacional da Lanzada “acertamos de pleno”, dada a intensidade coa que os rapaces viviron esta xornada.

Louzán tivo ocasión de comprobar que a saída da Volta Ciclista de España desde as Rías Baixas non é descoñecida para os máis pequenos, moitos dos cales sabían que a serpe multicolor pasará polos seus concellos e por diante das súas casas.

Así, animounos a todos a “saír á rúa” para disfrutar en directo do paso da Volta polos concellos da provincia e a afeccionarse a un deporte que se pode practicar en calquera parte, aínda que sempre “con seguridade”.

O presidente da Deputación incidiu tamén no “efecto promocional” deste evento, “dunha magnitude extraordinaria e que temos que aproveitar para dar a coñecer este entorno magnífico no que vivimos”.

No eido deportivo, amosouse convencido de que,  igual que pasou o ano pasado, as etapas galegas “serán magníficas” e dunha gran calidade.

16 de agosto de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.