Os máis xóvenes descubren como elaborar pan en forno artesano co programa Peke-Pan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNeda
A-
A+

A programación da Festa do Pan de Neda continuará mañá sábado coa tradicional Ruta dos Muíños e a xornada infantil Peke-Pan. Ambas actividades están organizadas polo Concello para conmemorar o XXV aniversario desta cita gastronómica, recentemente declarada de Interese Turístico de Galicia pola Xunta, e a participación é completamente gratuíta. Nun e noutro caso, a concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, explica que a intención do Concello é dar a coñecer o proceso de elaboración artesanal do producto estrela da real vila e permitir a nenos e maiores degustar o seu incomparable sabor.

Así, a Ruta dos Muíños partirá do adro da Igrexa de Santa María sobre as 10,30 horas. Discurrirá entón pola marxe do río Belelle ata o Roxal para rematar nun dos muíños, onde os participantes poderán asistir a unha demostración do seu funcionamento e degustar despois productos típicos de Neda. O regreso prevése sobre as 13,30 horas.

Xa en horario de tarde, nenos e nenas cobrarán o protagonismo da XXV Festa do Pan. Será coa celebración da primeira edición do Peke-Pan. Toda unha tarde de diversión para rapaces de todas as idades no Paseo Marítimo. Dende as 18 horas e ata ben entrada a noite, poderán participar en obradoiros de elaboración do pan, con forno incluído, ou actividades de animación e xogos. Actividades completamente gratuítas. Iso si, as prazas para participar no obradoiro de elaboración do pan serán limitadas e cubriránse por orden de chegada.

30 de agosto de 2013 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.