Os establecementos hostaleiros pechan a ponte de agosto con incremento respecto ao ano pasado
A ocupación media nos establecementos hoteleiros da cidade cífrase nun 72% durante a ponte de agosto que vén de rematar, entre os días 15 e 18 deste mes. As cifras da Concellería de Turismo baséanse nunha consulta sobre os datos de pernoctacións entre estas datas, en dez establecementos da cidade.
Todos os establecementos consultados confirman un incremento en pernoctacións con respecto ás cifras do mesmo período do ano pasado. Segundo a Concellería de Turismo, os datos débense ás ofertas e descontos significativos, así como ao bo tempo e ás reservas de última hora, que contribuíron a mellorar as previsións do sector para estas datas. Así mesmo, o turismo familiar ou en parella tamén obtivo unha resposta positiva.
O sábado, día de maior ocupación
O sábado 17 foi o día de maior ocupación, cunha media do 83%. Hoteis coma o NH, Irixo, Carrís, Francisco II ou La Rotonda superaron esta porcentaxe, rozando o completo.
No referido ao número de noites de estancia na cidade produciuse un cambio na tendencia, incrementándose ata as 2-3 noites de media. Os visitantes adoitan establecer a súa base na cidade, e desde Ourense programan as súas visitas, fundamentalmente cara a Ribeira Sacra, Ribeiro e Allariz.
Procedencia
A cifra de turistas internacionais vese incrementado, ata acadar un 12% do total. Por países de procedencia, un 5% son portugueses, un 3% franceses, un 2% alemáns, e o resto repártese entre ucranianos, turcos, rusos e xaponeses.
O 88% restante concéntrase no turismo nacional, sendo madrileños, asturianos, andaluces, cataláns e castelán-leoneses, nesta orde, os que máis pernoctaron no noso destino.
Termalismo, gastronomía e cultura
En canto ás preferencias e intereses, os turistas amosan unha vez máis que a súa prioridade é o termalismo, seguido da gastronomía e o ámbito cultural.
Nestas datas, mantivéronse activos os distintos puntos da rede de información turística da cidade: Centro de Recepción de Visitantes, Outariz, Santomé e o Albergue de Peregrinos.











