Os empresarios de Redondela expoñen as súas demandas e necesidades a Luis Novoa

Instante da reunión
A falta de chan industrial, a eliminación da peaxe da AP-9 entre Vigo e Redondela, os plans de formación e a representatividade para exercer presión coa que lograr facer realidade estas necesidades foron as demandas que a directiva da Asociación de Empresarios de Redondela (AER) formularon ao presidente da CEP, Luis Novoa Díaz.
Durante a reunión, os representantes do empresariado redondelano, encabezados polo seu presidente, José Antonio Gómez Pérez, explicaron que a carestía de chan dedicado a actividade empresarial supón unha grave deficiencia que impide que se desenvolva a economía en Redondela, obrigando moitas empresas a establecerse fóra dos seus límites.
Así mesmo aludiron ao peso da actividade económica dos asociados de AER e a condición de Redondela como cuarto municipio da provincia para denunciar o agravio comparativo que supón que aínda non se eliminase a peaxe da AP-9.
A planificación dos plans de formación de cara á próxima convocatoria tamén acaparou parte do encontro. Gómez Pérez expresou o especial interese dos seus asociados pola formación orientada ao comercio, a hostalaría, a prevención de riscos laborais e a internacionalización.
Pola súa banda, Novoa Díaz, animounos a presentar á CEP as súas necesidades prioritarias, co obxectivo de presentalas conxuntamente ante as autoridades provinciais e autonómicas. Precisamente, ese é un dos obxectivos da toma de contacto coas asociacións territoriais que o novo presidente da CEP emprendeu con esta rolda de visitas institucionais.











