Os afeccionados orteganos poñen en marcha o I Torneo Interparroquial de Fútbol Sala

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalOrtigueira
A-
A+

A vila de Ortigueira acollerá os próximos 30 e 31 de agosto o I Torneo Interparroquial de Fútbol Sala ‘Concello de Ortigueira’, unha iniciativa xurdida dun grupo de rapaces orteganos e que conta coa colaboración do Concello de Ortigueira. O pavillón do CEIP José María Lage é o lugar elixido para o desenvolvemento destas xornadas que teñen como obxectivo fomentar a práctica de deporte entre os veciños de Ortigueira e, ademais,  impulsar e confraternidade entre as diferentes parroquias do municipio.

Neste I Torneo Interparroquial de Fútbol Sala ‘Concello de Ortigueira’ participarán máis da metade das parroquias que compoñen o municipio: Luama, Devesos, Espasante, Céltigos, Mera, San Adrián, San Claudio, Senra, Ladrido, San Cristovo de Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro, Cuiña e Ortigueira. Tendo en conta a maior poboación da parroquia de Ortigueira, desta asistirán catro equipos en representación de diferentes barrios: A Preguiza, A Madalena, A Penela e, como non, Ortigueira. Cabe destacar o feito de que os veciños de Ladrido e dos dous Couzadoiros uniron os seus nomes nun mesmo equipo para poder formar parte deste I Torneo Interparroquial.

O pavillón do CEIP José María Lage será pois a sede central destas primeiras xornadas de fútbol sala, que se desenvolverán en formato de grupos, cuartos de final, semifinais e final. Aínda así, para facilitar a compatibilidade de horarios, un número reducido de encontros disputaranse nas diferentes pistas exteriores do mesmo colexio.

Dende a organización salientan a gran acollida deste I Torneo Interparroquial de Fútbol Sala ‘Concello de Ortigueira’ e animan ás parroquias sen representación a formar parte da próxima edición desta iniciativa social-deportiva de confraternidade.

28 de agosto de 2013 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.