Os 2 millóns de asistentes confirman que as festas de María Pita “superaron todas as expectativas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, fixo esta mañá balance da programación de Festas María Pita 2013, que se desenvolveron dende o 19 de xullo ata o pasado 25 de agosto, durante 38 días, concentrando todo tipo de actividades e eventos para todos os públicos.
“As boas cifras das festas, con máis de 2 millóns de persoas, consolidan definitivamente o mes de agosto como referente festivo, cultural e de ocio do noroeste español”, asegurou a concelleira quen destacou a fantástica acollida do público: “As festas só pódense cualificar de rotundo éxito. Cáleas coruñesas estiveron repletas de xente e foi magnífica a resposta de participación de veciños e visitantes en todas e cada unha das actividades ofertadas”, sinalou e aludiu a que, ademais do programa completo e variado, a gratuidade dos eventos, xunto co bo tempo, axudaron a superar todas as prognósticos previstos de público.

Ao redor de 2 millóns de persoas participaron nalgunha das actividades programas nas festas María Pita 2013: “Unha cifra que supera de sobra as expectativas marcadas e que supoñen un incremento do 30% con respecto á edición anterior”, sentenciou. A responsable de Cultura subliñou que “estas cifras non son froito da casualidade, senón que responden a unha programación deseñada para todos os públicos, con especial atención para os máis pequenos da casa,”. Neste sentido, sinalou que os bos datos de agosto se suman aos rexistrados no San Juan, 200.000 persoas, 50.000 máis que en 2012.

A tenente de alcalde destacou que todos os eventos contaron cunha grande afluencia de público, sendo a Batalla Pirotécnica a cita máis multitudinaria posto que congregou máis de 150.000 persoas. Ademais, os actos máis tradicionais como as feiras celebradas nos xardíns de Méndez Núñez (artes plásticas, artesanía, libro e libro antigo e de ocasión); o Salón do Cómic, as Casas Rexionais ou a Feira Medieval, gozaron dunha grande afluencia, rexistrando unha media de 250.000 visitantes.

“As festas están a alcanzar o equilibrio necesario para chegar a todos os públicos: os grandes artistas conviven cos nosos músicos locais; ás propostas tradicionais únense novos festivais urbanos; as familias e os nenos encontran o seu oco e, ademais, a cantidade vai unida á calidade das actividades”, declarou.

A música, volveu ser a protagonista

Ana Fernández recordou que a oferta musical, gratuíta e de calidade, volveu ser unha das claves das Festas 2013: “A praza de María Pita estivo chea todos os días coas cancións de Loquillo, Leiva e Ariel Rot; Fangoria; Borja Quiza; Luar na Lubre… e rozou cheos históricos con Auryn e Efecto Pasillo e Malú”. “O Noroeste Pop Rock -continuou- consolídase coa aposta por artistas nacionais do talle de Kiko Veneno e Los Enemigos, e a banda inglesa Suede, ademais de dar un paso máis este ano coas dúas fases de preselección e selección de grupos locais na Sala O Túnel,”. A responsable de Cultura destacou a oferta da Orquestra Sinfónica de Galicia, que nos regalou dous días de música inesquecibles, nos que se puido gozar de figuras do talle de Ainhoa Arteta e Carlos Núñez.

“En 2012, fixemos unha aposta para que lugares emblemáticos da Coruña, como o Parque de Santa Margarida, o Paseo de Riazor ou os Xardíns de Méndez Núñez, así como tamén diferentes prazas da cidade, acollesen concertos. Nesta edición, o respaldo e a boa acollida do público afianzounos”, destacou. Así, o Parque de Santa Margarida posicionouse como escenario da música máis nova grazas ao ciclo de festivais de música máis alternativa: “Trátase dun rotundo éxito, non só pola grande afluencia de público, senón porque ratifica o compromiso e o apoio do Goberno municipal aos grupos locais e á música coruñesa”.

Ana Fernández fixo un breve repaso polas principais cifras de afluencia aos espectáculos musicais: 50.000 persoas no Noroeste Pop Rock, máis de 15.000 nos ‘Uno dos nosos’, Fangoria, Auryn, Efecto Pasillo ou Malú. “En total, 250.000 persoas acudiron ás diferentes propostas musicais programadas ao longo os 38 días de festas”.

A responsable do departamento de Cultura recordou que este ano o Goberno local apostou firmemente por programar concertos gratuítos co fin de que todos os cidadáns puidesen gozar das festas: “O público puido gozar de concertos de calidade sen que se vise afectado o seu peto e, por outra parte, logramos atraer xente ás rúas coruñesas co conseguinte beneficio para o sector hostaleiro da cidade”, subliñou. Neste sentido destacou os dous recitais da Orquestra Sinfónica de Galicia en María Pita: “Non” hai “moitas cidades que poidan permitirse o luxo de ofrecer, de forma gratuíta, aos seus cidadáns uns concertos deste nivel”.

Dinamización nos barrios

A tenente de alcalde afirmou que a aposta sen precedentes pola dinamización dos barrios se consolidou este ano co festival Faranduleando que chegou a 27 puntos da cidade: O Festival Faranduleando -explicou- converteuse nun dos grandes piares destas festas. Pasou pola praza Elíptica, a praza de Vigo, o parque de Oza, o parque de Eirís, a praza de Pontevedra, a praza da Cubela, a praza de Lugo, a praza dos Mariñeiros, a rúa da Gaiteira, a praza das Conchiñas, Matogrande, a praza de Pablo Iglesias, o parque de Vioño, a praza da Tolerancia, Palavea, praza de Salvador de Madariaga, praza de España, parque de Santa Margarita, Novo Mesoiro, Paseo das Pontes, praza de María Pita, xardíns de Méndez Núñez, Obelisco… Máis de 80.000 coruñeses gozaron de 167 espectáculos (preto do triplo que na edición anterior), de 65 compañías, das cales 60 foron galegas, e 250 horas de programación que fixeron as delicias dos máis pequenos e as súas familias e que contribuíron a unha dinamización sen precedentes na cidade”. Ana Fernández informou de que a contratación de espectáculos e artistas locais deu traballo a máis de 240 persoas durante este mes de agosto, ás que hai que sumar máis de 97 empresas contratadas.

Presuposto

Ana Fernández informou de que o investimento foi similar á de anos anteriores, ao redor de 1,3 millóns de euros: “A Coruña é unha cidade na que o sector servizos, o turismo e a hostalaría conforman unha importante fonte de riqueza e este ano quedou demostrado que o esforzo do Concello por celebrar unhas festas de altura e de calidade pagou a pena: así nolo din os profesionais do sector”. “O Instituto Galego de Estatística -continuou-, no ano 2012, confirma que o gasto medio diario dun turista en Galicia é de 105 euros. Se entendemos que nos visitaron máis de 2 millóns de persoas este mes de agosto, o retorno para a cidade é enorme”.

Un dos obxectivos do Goberno local era dinamizar a cidade e conseguiuse: “Os cidadáns tamén nos apoiaron coa súa elevada participación a cada un dos actos programados: a clave é ofrecer espectáculos que traten de chegar a todos os públicos e que, ademais sexan gratuítos”, finalizou.

28 de agosto de 2013 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.