Ortigueira e Mañón acadan un obradoiro de emprego para dar traballo a vinte veciños desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

Os concellos de Ortigueira e Mañón contarán nos próximos meses cun novo obradoiro de formación- emprego. A Consellería de Traballo confirmou a aprobación do programa mixto presentado conxuntamente estes dous municipios de Ortegal. A iniciativa, cun presuposto total de 270.000 euros, permitirá que un total de 20 persoas desempregadas de ambos os dous municipios se formen e logren un posto de traballo durante seis meses nas especialidades de construción e carpintaría.

O departamento autonómico destinará preto de 178.000 euros a este programa mixto, cuxo alumnado se encargará da construción de varias instalacións complementarias ao equipamento deportivo existente na parroquia de Loiba, co obxectivo de dinamizar e potenciar o uso e desfrute deste espazo e, sobre todo, do ámbito natural próximo polos veciños e turistas. Pola súa banda, o Concello de Ortigueira achegará os 92.000 euros restantes para emprender o proxecto.

Destaca o alcalde ortegano Rafael Girón que a consecución do obradoiro é resultado da excelente colaboración existente entre Ortigueira e o concello que preside Alfonso Balseiro. De feito, en solitario ningún dos dous concellos podería ter optado a esta liña de subvencións da Xunta de Galicia ao non alcanzar a barreira dos 500 desempregados.

Detallan dende a área de Emprego de Ortigueira que, das dúas especialidades que se impartirán no programa, a de carpintaría ocupará a un total de 12 alumnos/ás, en tanto os outros 8 formaranse en albanelaría. Entre todos, e guiados por un equipo docente integrado por outras 6 persoas, asumirán a responsabilidade de levantar un pequeno edificio de recepción e unha área de servizos públicos e almacéns xunto á cancha deportiva, situada no lugar de Penela.

En vista do volume de investimento asumido pola casa do concello ortegano, un total de 15 postos corresponderán a desempregados de Ortigueira, en tanto os outros 5 serán cubertos por veciños en idéntica situación pertencentes á localidade asociada. Todos eles recibirán unha formación homologada, que irá asociada a un certificado de validez para todo o territorio nacional. Deste modo, verán melloradas de forma cuantitativa e cualitativa as súas posibilidades de inserción laboral posterior, asunto prioritario para ambos os dous gobernos locais.

En paralelo, Rafael Girón subliña a oportunidade que supón ter conseguido o obradoiro de emprego- un dos seus compromisos electorais- de materializar unha obra de interese para a zona, pois se espera que a actuación prevista contribúa no futuro inmediato a poñer en valor dende o punto de vista turístico o próximo “Camiño da Costa” que discorre polo espectacular litoral de Loiba, un tramo costeiro incluído no LIC Estaca de Bares e próximo á praia de Esteiro (Mañón).

9 de agosto de 2013 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.