Ortigueira celebra un ano máis o Mercado Mariñeiro e contará co espectáculo “Peter Punk”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

A Concellería de Turismo e Cultura, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, trae esta semana a Ortigueira unha das súas actividades de dinamización lingüística destinadas ao tempo de lecer, ‘Peter Punk’. A proposta lúdica que se incluirá na oferta do “IV Mercado Mariñeiro” busca achegar unha imaxe positiva e moderna da lingua galega a través do novo circo.

O espectáculo de rúa ‘Peter Punk’, que forma parte da programación propia da Rede de Dinamización Lingüística, está destinado a ampliar a oferta de actividades de lecer en galego para as festas do verán, o novo circo e o teatro de rúa mestúranse nun espectáculo pensado para a xente nova.

Durante os 60 minutos de duración, Isaac Rodríguez –que encarna a ‘Peter Punk’- abraiará o sábado á tardiña ao público cos seus sorprendentes xogos malabares e as súas acrobacias imposibles, xunto con todas as sorpresas que saen da súa maleta. Porén, o verdadeiro protagonista do espectáculo é o humor retranqueiro dos xogos de palabras e dos diálogos do pallaso, cos que se presenta a lingua dun xeito divertido e adaptado aos novos tempos.

A representación de ‘Peter Punk’ terá lugar na Alameda ás 18:00 horas, dentro da programación do Mercado Mariñeiro e, se as inclemencias meteorolóxicas impiden facelo ao aire libre, a actividade mudará a súa localización ao Teatro da Beneficencia.

AXENDA

Mércores 14 de agosto,  a partir das 12 horas

Sesión de contacontos infantil na Biblioteca Juan Fernández Latorre,a cargo de Raquel Queizás.  O espectáculo, incluído no programa de dinamización lectora “Moitos contos para ti” que desenvolve o servizo municipal “Historias da maleta” co patrocinio da Consellería de Educación e Cultura leva por título “Historias da maletra”, unha escolma de contos clásicos e de novos narradores. Entrada de balde.

13 de agosto de 2013 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.